O PP de Rodeiro solicita melloras inmediatas no campo de fútbol, o pavillón e a pista de pádel para corrixir as súas eivas e que estean listos para o comezo da próxima tempada
Rodeiro, 5 de xullo de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vai solicitar ao goberno local a execución de melloras inmediatas nas instalacións deportivas do Concello, nomeadamente o campo de fútbol, o pavillón e a pista de pádel, para corrixir as súas eivas e que estean listos e en perfectas condicións para o comezo da próxima tempada no mes de setembro.
Os populares van presentar unha proposta ante o pleno, na sesión ordinaria de xullo convocada para o próximo luns, para a realización destas tarefas de xeito urxente durante o período estival, xa que queren que se subsanen as deficiencias que presentan estas instalacións e se atenda ás demandas dos clubes e dos demais usuarios.
En canto ao campo de fútbol, desde o PP, tras realizar unha exhaustiva visita a estas e os demais recintos deportivos, solicitan o arranxo da lámpada que leva colgando desde hai case un ano, a roza e limpeza da maleza pola presenza de árbores e silvas, a substitución das cadeiras rotas que faltan no gradarío, o peinado do céspede artificial –nunca foi solicitado á Deputación malia tratarse dun servizo que se presta e do que xa se beneficiaron outros concellos que si o pediron–, a reparación das portas rotas, o arranxo da pechadura, a reposición dos catro focos de iluminación que se atopan fundidos e a limpeza de escombros e residuos que hai en toda a instalación.
Por outra banda, no que se refire ao pavillón municipal, desde o PP lembran que van dúas tempadas deportivas completas nas que padecen de fortes pingueiras e filtracións de auga que moitas veces inutilizan o polideportivo malia que a Xunta lles concedeu unha axuda de 140.000 euros para reparar a cuberta, pero a obra foi acometida a toda présa en quince días cun mal resultado. Por elo, e para evitar unha terceira tempada con estes problemas, esixen ao goberno municipal que proceda á reparación definitiva deste problema.
Finalmente, os populares piden que se realicen unha roza completa e a limpeza da contorna da pista de pádel e que se retiren os residuos sobrantes da obra da rúa B, que afectan ao funcionamento da instalación.
“Xa non lles esiximos que fagan grandes investimentos porque non teñen capacidade agás que os financie a Deputación e nin sequera agardamos pequenas obras, porque só están ás súas leas, pero polo menos reclamámoslle que fagan un mínimo mantemento, porque, ao igual que sucede no colexio, teñen todo completamente abandonado”, sinalou a voceira municipal, Cati Somoza.