O PP de Rodeiro revela un novo enfrontamento na xunta de goberno entre Camiñas e Lamazares a conta da axuda para a Escudería Lalín-Deza polo Rali do Cocido
Rodeiro, 26 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de revelar un novo enfrontamento no seo da xunta de goberno local do bipartito entre o alcalde, José Luis camiñas, e o seu socio, Alberte Lamazares, a conta da concesión dunha axuda económica á Escudería Lalín-Deza polos gastos do XXIX Rali do Cocido, que tivo algún tramo competitivo no concello.
Os populares indicaron que, segundo recolle a acta da sesión do executivo do pasado 20 de xuño, o tenente de alcalde pedíu a inclusión na orde do día dun acordo para a subvención a esta entidade deportiva e foi cortado polo rexedor lembrándolle que a decisión sobre os temas neste órgano de goberno eran da súa exclusiva competencia e negando a súa solicitude ao tempo que deixaba aberta a inclusión desta medida para unha próxima xunta.
“Estamos ante un novo exemplo de quen nin se falan entre eles, nin teñen unha unidade de acción, nin saben con que os vai sorprender o outro e así é moi difícil, por non dicir imposible, gobernar e dirixir un Concello. Pero é que a esta falta de diálogo entre dúas persoas e dous partidos que se supón que son socios, se engaden os ciumes e as loitas de egos entre eles, xa que Lamazares quere mandar máis do que lle corresponde e demostrar que foi el quen colocou a Camiñas e este tenta tapar con cortes como este a súa debilidade, xa que sabe que lle debe o seu posto a Unidade. En fin, un auténtico despropósito que pagan os veciños de Rodeiro”, lamentou a voceira do PP, Cati Somoza, que lles esixíu que cesen dunha vez a súa “actitude a cabalo entre infantil e machos alfa” e resolvan as súas diferenzas para poñerse a gobernar “que xa vai sendo hora despois de dous anos perdidos”.
Os populares revelaron ademais que as fortes discrepancias entre ambos “van en aumento, cada vez son máis notorias e non se preocupan nin en disimulalas” e puxeron como exemplos recentes a ruptura da unidade de voto na xunta de goberno polo certame “Canburguer”, a apertura da pista de pádel, a festa do Sabor Labrego, a Gala do Deporte ou a anuncio das obras do Plan +Provincia 2025 a cargo de Lamazares sentado na cadeira do alcalde no salón de plenos.
“Todos os bipartitos de esquerdas acaban rebentando por problemas internos, e temos moitos exemplos en toda a provincia, e Rodeiro non ía ser diferente, pero xa que fixeron un pacto de perdedores só para que non gobernara o PP malia que gañamos as eleccións, polo menos esíximoslle que aparquen as súas diferenzas e xestionen o Concello polo ben dos veciños, que non teñen que pagar nin sufrir as súas leas”, concluíu a concelleira popular.