O PP de Rodeiro revela que a liquidación do Concello en 2025 reflicte unha “situación moi difícil” que obriga a un plan económico que suporá recurtes ou subas de impostos

Rodeiro, 2 de maio de 2026

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de revelar que a liquidación do Concello correspondente ao ano 2025 e os demais expedientes económicos que se debatirán no pleno ordinario do luns –entre os que figura unha modificación de crédito para afrontar facturas impagadas– reflicten unha “situación moi difícil” da tesourería municipal que obrigará ao goberno á aprobación dun Plan Económico-Financeiro (PEF) durante os anos 2026 e 2026 que suporá recurtes en obras e servizos ou subas de impostos para cadrar as contas e volver á senda da estabilidade.

Neste senso, o informe do departamento de Secretaría-Intervención é “demoledor”, segundo explicou a voceira, Cati Somoza, tras analizar a documentación esta maña nunha reunión de grupo celebrada na sede local, posto que confirma que as contas do bipartito ao peche do pasado exercicio incumpren tres das catro regras fiscais ás que obriga o Ministerio de Facenda. Así, o Concello está desviado no principio de estabilidade orzamentaria, na regra de gasto e no Pago Medio a Provedores (PMP), aspecto este último co que se castiga a esperas moi longas para o cobro ás empresas e autónomos que traballan para o Concello.

Ademais, o propio técnico municipal confirma que, o pasado ano, rexistráronse multitude de facturas sen recoñecer por non ter aprobado o gasto para as mesmas durante o exercicio ou por non dispoñer de cobertura orzamentaria, e indicou que a contía irregular de facturas impagadas que se ten detectado ascende polo menos a 94.330 euros, aínda que podería ser unha cifra máis elevada. Neste senso, cómpre lembrar que o Concello pechou o derradeiro exercicio con 299.372 euros en facturas sen abonar, segundo os datos oficiais do Goberno de España.

A toda esta situación súmase que o goberno de José Luis Camiñas “queimou” só o pasado ano máis de 500.000 euros de remanente, que son os aforros do Concello, e que necesidade de financiamento pasou de +800.000 euros cos executivos do PP e -600.000 euros co bipartito.

Por iso, o Concello de Rodeiro está abocado, por orde ministerial, á elaboración dun PEF co obxectivo de adoptar medidas corretivas que impidan que os impagos e os números vermellos afoguen aínda máis a economía municipal, polo que terá que reducir os gastos ou aumentar os ingresos “e iso só se pode facer con recurtes ou con subas de impostos tras aumentar 200.000 a recadación do IBI polo incremento dos recibos estes anos, pero desde o PP xa lle adiantamos que non imos nin consentir nin apoiar ningunha destas dúas medidas, xa que os veciños non teñen culpa da mala xestión de Camiñas e do bipartito”.

“O Concello está a ser rescatado pola Deputación e pola Xunta da nada máis absoluta, mentres o goberno leva tres anos sen facer nada, e só hai que ver o estado das pistas ou o abandono do colexio e do SAF, malia despilfarrar un millón de euros de remanente neste mandato, polo que todos veciños de Rodeiro nos preguntamos: onde está o diñeiro?”, concluíu Cati Somoza.