O PP de Rodeiro revela irregularidades e deficiencias na mellora da cuberta do pavillón pola “irresponsabilidade” do bipartito e lamenta que siga con graves filtracións de auga

Rodeiro, 27 de xaneiro de 2025.

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de revelar a existencia de irregularidades, deficiencias, falta de control e supervisión e mala execución na obra de mellora da cuberta do pavillón, realizada en novembro de 2023, e lamenta que na actualidade, case 15 meses despois, siga con graves filtracións e pingueiras de auga que impiden a súa axeitada utilización.

Os populares veñen de denunciar, tras ter acceso a un informe técnico externo encargado polo Concello sobre esta obra, que este documento descubre unha mala execución desta actuación, unha cuestión que achacan ao retraso deliberado por parte do bipartito municipal en levala a cabo.

“Acometeron os traballos en só 15 días en pleno inverno, facendo a toda presa unha obra programada para tres meses, xa que non querían perder unha subvención da Xunta de 140.000 euros conseguida polo anterior goberno do PP, pero, ao mesmo tempo, tratando de evitar por todos os medios que se soubese que eses cartos foron conseguidos polo PP. E claro, con esta forma de actuar estaba claro que todo ía saír mal, como así foi e como así advertimos, pero o peor de todo e que máis dun ano despois son incapaces de arranxala pola súa exclusiva incompetencia”, laiouse a voceira municipal, Cati Somoza.

Entre as importantes deficiencias detectadas polo inform técnico figuran a baixa calidade dos paneis de policarbonato adquiridos que se están desfacendo, o mal sellado nos puntos de unión entre as chapas e os paneis sándwich, os recurtes acometidos para o encaixe dos canalóns e a separación existente entre a cuberta e a fachada agravada pola dilatación dos materiais e a colocación inversa das chapas de remate.

“Unha obra non se fai tan rematadamente mal, algo facilmente comprobable porque no pavillón chove máis dentro que fóra tras investir 199.000 euros, se hai unha mínima labor de control e supervisión por parte do Concello, pero os di bipartito están a outras cousas e non a preocuparse polas infraestruturas e servizos que deben atender aos veciños”, criticou a concelleira popular.

Ademais, a edil do PP lamentou que, ante estes graves problemas que se reproducen desde hai quince meses cando vez que chove, “teñamos que padecer un absoluto silencio e falta de solucións por parte dos dous alcaldes”, mentres que os deportistas e os usuarios do polideportivo pagan as consecuencias, posto que ou non poden empregar esta instalación ou poñen en risco a súa integridade.

Finalmente, Cati Somoza advertíu que hai unhas semanas semellaba que ía chegar a solución definitiva á entrada de auga no pavillón, xa que o goberno local fixo acopio de novas chapas tanto nos laterais como no teito do mesmo “pero non fixeron absolutamente nada, nin sequera aproveitando o bo tempo de decembro e parte de xaneiro, e agora estes materiais desapareceron, supoñemos que polos efectos dos temporais destes días”. En todo caso, esixíulle ao bipartito que se deixe de excusas e “sexa capaz de superar a súa propia incompetencia para arranxar, dunha vez por todas, a cuberta deste recinto deportivo” de xeito urxente.