O PP de Rodeiro revela a grave crise do bipartito tras a ruptura da unidade de voto na xunta de goberno para a aprobación das bases do concurso de Sabor Labrego
Rodeiro, 17 de maio de 2025
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de revelar a existencia dunha grave crise no seo do bipartito tras a ruptura da unidade de voto na xunta de goberno local para a aprobación das bases do concurso ‘Canburguer” enmarcado no certame Sabor Labrego, organizado polas concellerías de UxR e que xa desde o inicio espertou moitos recelos no PSOE.
Os populares confirmaron que a proposta de aprobación das bases desta iniciativa e a dunha partida de 3.000 euros abordouse na xunta de goberno e saíu aprobada cos votos do alcalde, José Luis Camiñas, e do tenente de alcalde, Alberte Lamazares, pero as outras dúas integrantes deste órgano, as edís socialistas Begoña Vázquez e Patricia Hermida, abstivéronse alegando falta de información, “o que supón a constatación clara do malestar do PSOE polas formas de UxR”. “Camiñas votou a favor para evitar un incendio de grandes dimensións e a ruptura total do executivo, pero a relación está rota e vai ir a peor”, sinalou a voceira municipal, Cati Somoza.
A edil do PP lembrou que hai moitos bipartitos PSOE-BNG na provincia que expresan abertamente en público as súas diferenzas e que presentan un funcionamento moi mellorable, “pero neste mandato aínda non se coñece o caso en que voten diferente na xunta de goberno, polo que creo que isto dá unha boa medida da crise larvada e calada que ten o goberno de Rodeiro”.
Cati Somoza explicou que os episodios de enfrontamentos son cada vez máis, co conseguinte prexuízo para os veciños, “e xa nin se molestan en agochalos” e citou as fortes diverxencias entre ambos partidos na Gala do Deporte, a apertura das pistas de pádel, o citado Sabor Labrego ou os anuncios de investimentos do Plan +Provincia da Deputación.
“As tensións entre os dous alcaldes, os ciumes e a loita de egos están medrando a pasos axigantados, que é algo que se vía vir, porque UxR resístese á fagocitación por parte do PSOE e a pasar a unha maior irrelevancia política, pero todo elo págano os veciños e ademais vai a ir a peor, polo que nos agardan dous anos nos que estarán centrados nas súas leas en vez de atender aos rodeirenses”, sinalou a voceira popular, que apostillou que se estes dous partidos “non son quen de acordar un pequeno evento gastronómico, como van aprobar os orzamentos, que eran unha prioridade e levan dous anos sen presentarse, ou pactar investimentos ou melloras de pistas e servizos”.
“Só se puxeron realmente de acordo no seu pacto de perdedores para repartirse postos e soldos e en que non gobernara o PP malia que o merecemos porque gañamos as eleccións. Pero a partires de aí, e máis nos dous anos que restan de mandato, os veciños xa se poden ir facendo á idea de que, tristemente, os dous alcaldes só van estar pendentes deles mesmos”, concluíu.