O PP de Rodeiro reclama ao Goberno a extensión de Internet de alta velocidade e de cobertura da rede 5G tras denunciar que máis dun milleiro de veciños carecen deste servizo
Rodeiro, 30 de abril de 2026.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de reclamar ao Goberno de España a extensión e implantación de Internet de calidade e alta velocidade e dunha axeitada cobertura da rede 5G para telefonía móbil tras denunciar que máis dun milleiro de veciños, en torno á metade da poboación, carecen deste servizo “fundamental en pleno século XXI”.
Os populares presentaron unha moción, que se debaterá no pleno ordinario de maio que se celebrará o próximo luns, para recabar o apoio dos demais grupos políticos e que o Concello se dirixa ao Executivo central para que se axilicen estas infraestruturas tecnolóxicas en Rodeiro tras os retrasos e o incumprimento dos prazos para que as mesmas chegasen ao 100% da poboación e para subsanar que o termo de Camba padece unha das peores situacións da provincia, coa terceira peor cobertura de Internet e a quinta no que se refire ao 5G.
O PP de Rodeiro explicitou que o acceso a Internet de alomenos 100 megabites, que foi o compromiso adquirido polo Goberno de España coa UE, só alcanza ao 45,5% dos veciños, polo que 1.216 rodeirenses carecen do mesmo, mentres que a cobertura móbil de 5G quédase no 56,9%, o que significa que 962 non dispoñen desta rede nos seus termináis móbiles.
“A situación tecnolóxica de Rodeiro é inadmisible e non podemos seguir quedándonos atrás mentres o Goberno de España pasa de nós simplemente porque somos un concello rural, de interior, agrario e pouco poboado”, lamentou a voceira popular, Cati Somoza, que destacou que o acceso á rede en condicións é fundamental para o traballo, incluíndo as explotacións agrogandeiras cada día máis informatizadas, o teletraballo, o estudo, o lecer, a teleasistencia e a telemedicina, as comunicacións familiares ou a xeolocalización, entre outros.
Así mesmo, a concelleira popular criticou que en xaneiro do ano pasado, e nunha mostra da falta de compromiso con Rodeiro, o subdelegado do Goberno, Abel Losada, anunciou no concello a cuarta e derradeira fase do Plan “Único”, co que se comprometían a extender as redes ao 100% da poboación, e que na mesma se incluísen 4.906 unidades inmobiliarias da provincia e só 3 do municipio malia as importantes carencias que presentaba e que persisten hoxe en día.
Paralelamente, e dada a importancia destas infraestruturas para a veciñanza, destacou que o PP está a despregar numerosas accións políticas para solucionar este problema, como a recente visita dos deputados Pedro Puy e Juan Bayón para reclamar a extensión de Internet de calidade a través de iniciativas no Congreso dos Deputados ou a proposta aprobada no pleno da Deputación para solventar estas deficiencias, principalmente en concellos rurais como Rodeiro.