O PP de Rodeiro propón bonificacións do IBI de urbana a vivendas sen saneamento e abastecemento, explotacións agrogandeiras e fincas nas que non se pode construír
Rodeiro, 27 de xuño de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vai presentar unha iniciativa fiscal, a través dunha moción no pleno ordinario do mes de xullo, para paliar a forte suba do Imposto de Bens Inmobles (IBI) de urbana como consecuencia do cambio de categoría de 3.208 parcelas e bens que pasaron de rústicas a urbanas en 2024 e para establecer unha fiscalidade máis xusta e equitativa no concello. Por elo, os populares avogan pola modificación de ordenanza para incluír bonificacións para vivendas sen servizos básicos, explotacións agrogandeiras e parcelas sen posibilidade de edificación e, por outra banda, tamén para aqueles veciños que aposten polas enerxías renovables.
En concreto, o PP proporá unha rebaixa do 90% no recibo do IBI de urbana para as casas que carezan das redes municipais de saneamento ou abastecemento, para as instalacións do sector primario e para as fincas nas que non se poden construír, “xa que deste xeito garantiríase a corresponde xustiza fiscal porque non é de recibo que paguen o mesmo que os propietarios aos que o Concello lles dá todos os servizos ou que os que dispoñen de máis posibilidades urbanísticas e de mercado”.
Por outra banda, a segunda medida que os populares incluirán en esta moción consiste na adopción dunha bonificación do 50% para os contribuíntes que teñan inmobles que conten con sistemas de autoconsumo baseados na xeración térmica ou eléctrica procedente da enerxía solar.
“Levamos todo o mandato loitando contra o sablazo fiscal do IBI que nos meteu a Dirección Xeral de Catastro do Goberno de España, que lle cambiou a categoría a máis de 3.000 bens do noso concello triplicando o seu recibo, e que contou co beneplácito dos dous alcaldes porque, ante as nosas demandas para rebaixar o tipo para axudar aos veciños fixeron oídos xordos”, sinalou a voceira municipal, Cati Somoza, que concretou que a suba na recadación por esta cuestión é de máis de 70.000 euros anuais, “polo que poderían aprobar medidas a prol da xente sin poñer en risco a viabilidade financeira do Concello, pero non queren, prefiren sacar os cartos dos petos dos rodeirenses e, o máis triste, é que non sabemos para que”.
En todo caso, a concelleira indicou que o PP seguirá facendo propostas de xeito incansable durante todo o mandato e por iso agora vai levar a pleno estas bonificacións “que permitirían que os veciños que foron discriminados polas catalogacións de Catastro teñen uns recibos máis asequibles, algo que é de xustiza”.
Aínda así, Somoza non se amosou moi confiada en que PSOE e UxR apoien esta medida “malia que se cansaron, durante os doce anos que estiveron na oposición, en pedir a baixada do IBI, pero xa se sabe que son dous partidos sen palabra aos que non lles importan os veciños”.