O PP de Rodeiro lamenta que as graves discrepancias entre “os dous alcaldes” impidan a aprobación dos Orzamentos e lastren os investimentos do Concello
Rodeiro, 2 de setembro de 2025
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de lamentar a existencia de graves discrepancias e dun novo forte enfrontamento entre “os dous alcaldes”, José Luis Camiñas e Alberte Lamazares, a conta da elaboración duns Orzamentos do Concello e estas diferenzas impiden a súa aprobación e, na práctica, lastran a execución de investimentos con fondos propios, “que están practicamente a cero desde o inicio do mandato”.
A voceira popular, Cati Somoza, preguntou no pleno ordinario de setembro, celebrado na xornada de onte, pola previsión do bipartito para aprobar un proxecto económico e lamentou a resposta de Camiñas limitándose a sinalar que será “próximamente” no marco dunha política de excusas e dilacións na que leva inmerso todo o mandato por non admitir que non hai acordo entre os socios do executivo PSOE-UxR.
En concreto, a edil do PP denunciou que ambos están enfrontados polo destino dos cartos duns futuros e hipotéticos, “xa que teñen intereses diferentes, basicamente persoais en clave electoral para cada un, e non actúan como deberían con unidade de acción dun único goberno e iso prexudica aos veciños”.
De feito, lembra que estas diverxencias son a clave para a ausencia do documento, xa que ambos aseguraron no pleno de investidura, en xuño de 2023, “que eran unha prioridade, pero a realidade é que xa levan perdidos 27 meses para aprobar unhas contas que son fundamentais para mellorar os nulos investimentos propios e atender axeitadamente aos veciños e seguen funcionando cos orzamentos prorrogados do anterior goberno local do PP”. Neste senso, indicou que non se presentou este proxecto en 2024 e, a catro meses do remate do ano, tampouco apunta a que o haxa en 2025.
Cati Somoza engadíu que os Orzamentos Municipais non terían importancia se foran só un documento a modo de folla de ruta, pero precisou que son a “ferramenta clave para facer investimentos propios con axilidade e por iso levamos dous anos sen unha acción decidida do Concello e, na práctica, os veciños de Rodeiro só contan coas obras financiadas cos fondos que manda Lugués desde a Deputación de Pontevedra ou da Xunta”.
Finalmente, a voceira municipal aseverou que estas diferenzas entre Camiñas e Lamazares estanse incrementando nos últimos tempos “posto que cada alcalde quere marcar o seu territorio” e enumerou diversos episodios dos últimos meses, como a ruptura da unidade de voto na xunta de goberno local polo certame “Canburguer”, a apertura da pista de pádel, a Festa do Sabor Labrego, a Gala do Deporte ou o anuncio das obras do Plan +Provincia 2025 da Deputación, entre outras.