O PP de Rodeiro lamenta que a proxectada mellora do acceso a Santa Baia sexa “cativa” e solicita o seu ensanchamento xa que os veciños cederon os terreos gratuítamente

Rodeiro, 13 de decembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de lamentar que a proxectada mellora do acceso a Santa Baia teña importantes recurtes sobre a deseñada polo anterior goberno popular e sexa “cativa”, xa que apenas beneficia a un pequeno treito e ademais non contempla o necesario ensanchamento da plataforma malia que os veciños cederon os terreos gratuitamente.

Os populares calificaron de “totalmente insuficiente” a obra que pretende acometer o bipartito, xa que nin abrangue toda a pista ata a entrada na aldea nin contempla a ampliación da plataforma, polo que lle reclaman ao goberno local que sexa ambicioso e atenda as demandas dos veciños coa pavimentación de toda a suba para culminar o acceso completo a esta aldea e tamén que proceda ao seu ensanchamento para corrixir a súa actual estreitez.

“Xa sabemos que o alcalde Camiñas non é moi amigo de destinar fondos á mellora de estradas municipais, pero non se entende que se faga un cacho e se deixe outro sen acondicionar malia o seu mal estado. Ademais, os veciños cederon terreos de balde e construíron os seus muros máis atrás para permitir que a vía sexa máis ancha, polo que creo que hai que aproveitar esta oportunidade, porque está claro que o bipartito non vai volver investir en Santa Baia porque, pola cativez do proxecto, xa se ve que lle está custando facelo desta volta”, manifestou a voceira municipal, Cati Somoza.

A concelleira do PP, que visitou a zona e se reuníu coa veciñanza tras recibir unha petición deles, tamén advertíu de que a necesidade da ampliación da vía vai máis alá dos vehículos dos residentes, posto que as ambulancias teñen dificultades para chegar a todas as casas da aldea pola estreitez ante un caso de emerxencia.

“Agardamos que o bipartito faga caso desta petición, que é moi razoable e á que simplemente poñemos voz en nome dos veciños”, indicou Somoza, que ironizou con que outra alternativa “podería ser que o alcalde tivese algunha das súas ocorrencias e solicite que Santa Baia pase a estar dirixida pola Deputación como xa fixo con varias estradas da súa titularidade ante a súa incapacidade económica e de xestión para arranxalas”.