O PP de Rodeiro intensifica as reclamacións sobre a mellora da rede viaria local con propostas para Carboentes, Arnego, Vilela e San Salvador polo seu “lamentable estado”
Rodeiro, 1 de novembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vai centrar a súa acción política no próximo pleno ordinario, fixado para o luns 3 de novembro, nas reclamacións sobre a mellora urxente da rede viaria local con senllas mocións sobre diversas actuacións que beneficiarían ás parroquias de Carboentes. Arnego, Vilela e San Salvador de Camba, xa que na actualidade, e tras máis de dous anos de absoluto abandono, presentan un “estado lamentable”.
“O Concello de Rodeiro sempre tivo moito traballo nas tarefas de mantemento das súas pistas municipais, xa que a rede é moi extensa para atender axeitadamente a todos os veciños, pero o que está a pasar neste mandato da man do bipartito é único na historia, xa que as nosas estradas caen a cachos e teñen uns buratos que xa parecen trincheiras”, detallou a voceira municipal, Cati Somoza, que lamentou a falta de atención e dun investimento axeitado por parte do goberno bipartito.
A concelleira popular considera que a “pésima situación” das pistas “como nunca na historia” afecta directamente á seguridade viaria e á mobilidade dos veciños e achacouno á falta de compromiso de PSOE e UxR coas infraestruturas, á mala xestión económica e nula negociación con outras administracións que impide que haxa os fondos suficientes e á división das competencias de obras sen un único responsable, “co cal os dous alcaldes se supón que están, pero a ningún se lle agarda e así, un polo outro, a casa sempre está sen varrer”.
Por unha banda, o PP de Rodeiro presentou unha primeira moción na que solicita ao goberno bipartito que inicie de inmediato a consecución dos terreos necesarios do vial Carboentes-Arnego nun treito de oito quilómetros para poder ensanchalo ata os sete metros, que é o requisito imprescindible para poder permutar este vial coa Deputación de Pontevedra –xa que é a anchura mínima e regulamentaria das estradas provinciais– e que a titularidade pase a mans deste organismo, “co cal se lle garantiría un mellor mantemento que na actualidade, algo que non é difícil porque o Concello non está a facer ningún, e que se sitúa na política marco do bipartito de que sexa a Deputación quen os rescate absolutamente de todo”.
Así mesmo, nesta proposta tamén se lle esixe ao goberno local que, en caso de acometer no futuro algunha mellora da capa de rodadura, se realice incluíndo o citado ensanchamento a sete metros para garantir a seguridade viaria e non cercenar as posibilidades dunha permuta coa Deputación. “Lanzaron a proposta da permuta hai vinte meses e fixeron o de sempre, é dicir, absolutamente nada, polo que a ver se toman en serio as súas propias iniciativas, porque teñen estancado e paralizado todo o concello”, sinalou Somoza.
Finalmente, a outra moción presentada polos populares consiste na demanda da mellora urxente da pista Bagarelas-Saborín, na parroquia de Vilela, que xa fora solicitada no pleno anterior e que estaba prevista no proxecto do PP financiado co remanente e desbotado polo bipartito, e a maiores o acondicionamento de Bagarelas-Melide, lugar este de San Salvador, xa que en ambos casos presentan buratos e fendas cunhas dimensións enormes que practicamente imposibilitan unha circulación normal.