O PP de Rodeiro insta ao bipartito a conseguir xa o financiamento para rematar o Centro Polivalente de Uso Asistencial tras recibir 500.000 euros da Deputación

Rodeiro, 19 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro insta ao goberno bipartito a conseguir e pechar canto antes todo o financiamento para rematar o Centro Polivalente de Uso Asistencial despois de que gran parte do mesmo vaia ser asumido pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 500.000 euros ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria.

Os populares calificaron de “fundamental” para rematar esta infraestrutura social o paso dado polo organismo provincial coa sinatura, o pasado venres, do convenio da man do presidente da Deputación, Luis López, pero lembraron que para completar esta actuación precísanse aínda 660.000 euros dado que o orzamento total ascende a 1,16 millóns.

Ante esta situación, o PP esíxiulle axilidade ao bipartito na consecución de fondos para garantir que se remata esta infraestrutura, “xa que sempre deixaron claro que non formaba parte da súa folla de ruta e só a oportunidade brindada pola Deputación vai permitir que Rodeiro dispoña deste centro asistencial, pero se non acadan os cartos que faltan podería perderse a subvención e que o tempo siga pasando sen avances”.

Os populares expresaron as súas dúbidas de que o executivo local sexa quen de conseguir fondos doutras administracións, sexa o Goberno de España ou a Xunta, pola súa incapacidade manifesta de negociación e tamén de que poida afrontar eses cartos pendentes con recursos propios, xa que dilapidaron a práctica totalidade dos 1,6 millóns de euros que o PP deixou de remanente. Pero en todo caso, apercibiron que sempre poderán recurrir de novo á Deputación grazas aos distintos fondos que pon anualmente a disposición do Concello de Rodeiro.

Ademais, a voceira municipal do PP, Cati Somoza, tamén lle quixo dar a “benvida” aos membros de PSOE e UxR que conforman o goberno bipartito a este proxecto de Centro Polivalente de Uso Asistencial, que foi deseñado e executado parcialmente polo PP para dispoñer dun centro de estancia diurna para maiores con 40 prazas e dun Punto de Atención á Infancia con 30.

“Nunca creron neste gran proxecto só porque é do PP e por iso perderon dous anos de mandato sen facer absolutamente nada, e incluso desbotaron unha nova fase dotada con 200.000 euros que deixara lista o goberno anterior, pero ao final caeron do guindo porque esta actuación é imprescindible, necesaria, indiscutida e indiscutible”, concluíu a concelleira.