O PP de Rodeiro expresa o seu pesar polo falecemento do ex alcalde Manuel Lamazares e destaca a súa figura como líder da transición á democracia e da transformación do concello

Rodeiro, 11 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro quere expresar o seu pesar e a súa dor polo falecemento, na xornada de hoxe, do ex alcalde Manuel Lamazares, que gobernou o Concello durante 32 anos entre os anos 1966 e 1998 e que tamén foi director do colexio público e corresponsal do xornal Faro de Vigo.

Os populares queren destacar a súa figura como “a dunha persoa totalmente comprometida co seu concello” desde o ámbito da educación ao que pertencía pola súa profesión ata o político e social, xa que dirixiu o Concello e atendeu aos veciños con absoluta vocación de servizo público durante máis de tres décadas.

“Hoxe é un día triste pola perda dunha persoa que lle entregou a súa vida a Rodeiro e por iso cremos que é de xustiza destacar a súa figura como a do líder da transición democrática no noso municipio e como piar da transformación que vivimos ata finais do pasado século e que permite que hoxe contemos cun nivel de benestar moi por enriba da media co sector agrogandeiro do que nos sentimos tan orgullosos como bandeira”, sinalou a voceira municipal, Cati Somoza.

Ademais, o presidente provincial e da Deputación e ex alcalde, Luis López; a propia Cati Somoza como presidenta do PP local; e a familiar popular de Rodeiro conformada por concelleiros, colaboradores, militantes e simpatizantes queren agradecer as infinitas mostras de cariño da veciñanza e, ao mesmo tempo, trasladan as súas condolencias e o seu pesar aos seus familiares e achegados.

“Hoxe Rodeiro queda un pouco máis orfo porque Manuel Lamazares era un pai para todos os veciños, pero sabemos que sempre nos estará prestando o seu alento, porque era un cambote exemplar”, sinalou Somoza, que solicitou a declaración de loito oficial para unha figura “irrepetible” e que convidou aos veciños a expresar a súa derradeira mostra de cariño ao ex alcalde asistindo mañá, xoves 12, ás 19.00 horas ao seu funeral e inhumación na igrexa parroquial de San Salvador de Camba.