O PP de Rodeiro esixe un plan de reparación integral e urxente de todas as pistas municipais, xa que teñen “cráteres máis grandes que na lúa”
Rodeiro, 21 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vai esixir, a través dunha moción no próximo pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, a elaboración e execución dun plan de reparación integral e urxente de todas as pistas municipais, xa que o seu actual estado é lamentable intransitable ao presentar “cráteres máis grandes que na lúa”.
Os populares lembran que a rede viaria local, conformada por centos de quilómetros que percorren as vinte parroquias ao longo dos seus 154 quilómetros cadrados de superficie, xa se atopaba en moi malas condicións tras dous anos de abandono en investimentos e mantemento por parte do goberno bipartito de José Luis Camiñas, polo que calquera circunstancia imprevista, como foi o caso dos once temporais e borrascas do presente ano, “converteuna en impracticable”.
“O goberno de Camiñas ten a dubidosa honra de pasar absolutamente das pistas, malia que son imprescindibles nun concello rural, con tanta dispersión e tan grande como o noso, e dunha absoluta falta de planificación e investimentos, alomenos en materia de conservación, polo que uns camiños que xa eran intransitables pasaron a ser case impenetrables e agora temos, tristemente, as peores estradas da provincia de Pontevedra”, manifestou a voceira municipal, Cati Somoza.
Por iso, na súa proposta o PP de Rodeiro vai solicitar que se faga unha inspección e estudo detallado das eivas que presenta toda a rede viaria municipal, que se habilite unha ampla partida económica e un cronograma detallado e urxente para o seu arranxo e que se deseñe e execute de xeito periódico e constante un plan de mantemento, conservación e bacho para garantir que presentan as condicións axeitadas para a circulación dos veciños e do resto de usuarios, moitos dos cales se desprazan polas mesmas para prestar servizos aos rodeirenses.
Ademais, recalcou que as fortes borrascas do presente ano “non poden servir de excusa” ao goberno de Camiñas, “xa que se as pistas non estiveran ao bordo do colapso non se produciría o panorama desolador que temos neste momento” e comparou o seu mal estado coas estradas da Deputación en Rodeiro, “que sufriron os mesmos temporais e, grazas un axeitado mantemento e uns investimentos récord, están en boas condicións como saben os veciños e pode comprobar calquera que circule por elas”.
Finalmente, Cati Somoza ironizou con que, dado que Rodeiro quedou fóra dos trazados da próxima edición do Rali do Cocido, co situación actual das pistas, “os do Concello si que poden presentar candidatura, con moitas garantías, ao Rali Dakar”.