O PP de Rodeiro esixe o arranxo inmediato e efectivo das pingueiras do pavillón tras unha lesión grave dun neno e pide responsabilidades políticas ao bipartito pola súa neglixencia
Rodeiro, 20 de decembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de esixir por enésima vez o arranxo inmediato e efectivo das pingueiras e das filtracións de auga da nova cuberta do pavillón municipal, posto que, como consecuencia desta circunstancia, esta semana producíuse unha lesión moi grave dun neno usuario nun pé e os esvaramentos e caídas dos deportistas sobre a pista son unha constante nesta época de choivas. Así mesmo, pide responsabilidades políticas ao bipartito encabezado por José Luis Camiñas pola súa “absoluta neglixencia” na execución desta obra e a súa “total incapacidade” para solucionar as eivas construtivas tras dous anos.
Os populares lembraron que o deficiente estado da cuberta, malia ser nova grazas a un investimento de 200.000 euros cunha importante achega da Xunta, débese exclusivamente á xestión do goberno municipal. Así, indicaron que a obra quedou lista para executarse con calma, tras o cambio de goberno, durante o verán de 2023, pero o alcalde decidíu adiala “apurando ao máximo o prazo de xustificación da axuda autonómica para tapar que o executivo popular conseguirá os 140.000 euros do Goberno galego”.
Como consecuencia disto, a obra “fíxose a correr” en apenas quince días a finais de 2023 cunha climatoloxía adversa, polo que a colocación da nova cuberta foi totalmente deficiente, como era previsible por estas circunstancias, e sufríu pingueiras e filtracións desde o primeiro día que prexudican moito a actividade deportiva. “Estas son as tristes consecuencias dun goberno que se preocupa máis del mesmo que dos veciños e que non sabe nada de xestión nin de control de obras, nin de nada”, aseverou a voceira municipal, Cati Somoza.
A concelleira popular lembrou que desde o PP levan dous anos reclamando, a través de mocións, iniciativas plenarias e solicitudes públicas, que o goberno subsane dunha vez por todas a situación da cuberta, que ademais de caídas e lesións, provoca a suspensión de adestramentos e partidos e obriga a desprazamentos a outros polideportivos do Deza “coas conseguintes molestias para os usuarios, porque o bipartito gastou 200.000 euros nunha obra e conseguíu que no pavillón entre máis auga ca nunca”.
Para Somoza, o bipartito “segue sen dar coa tecla”, posto que xa contratou a dúas empresas para o arranxo e o resultado segue sen ser óptimo: “Están tirando cos cartos e o pavillón segue igual de mal e posiblemente, pola súa neglixencia, non haxa unha solución fácil que non pase por cambiar a cuberta de novo, o cal sería un absoluto escándalo polo despilfarro que suporía a súa mala xestión”.