O PP de Rodeiro esixe explicacións e responsabilidades políticas pola perda de 180.000 euros para o SAF porque o bipartito non cursou a solicitude á Xunta

Rodeiro, 11 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de anunciar que vai esixir en pleno as correspondentes explicacións por parte do goberno de José Luis Camiñas e a depuración de responsabilidades políticas pola perda de 179.359 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dos tres próximos anos despois de que o Concello non cursase a solicitude ante a Xunta de Galicia.

“308 dos 313 concellos galegos, é dicir practicamente todos, van ver incrementado o financiamento da Axuda no Fogar en máis dun 40% no presente 2026 e nos dous exercicios seguintes. Pero houbo cinco municipios que non fixeron os deberes, que non cumpriron coas súas mínimas obrigas e tristemente un deles é Rodeiro, que está comenzando a pagar moi caro a neglixencia do alcalde”, lamentou a voceira municipal, Cati Somoza.

A concelleira do PP indicou que o goberno de José Luis Camiñas leva os tres anos de  mandato cunha política de abandono, recurtes e precariedade no SAF e incluso amagando con deixar de prestalo alegando unha suposta falta de financiamento, “o que xa demostra o seu nulo interese por atender aos nosos maiores e ás persoas máis vulnerables e necesitadas de Rodeiro”.

Pero engadíu que, o máis grave do caso, é que cando a Xunta lle brinda unha oportunidade histórica de financiamento -pasando de 12 euros por hora ata os 18 que se alcanzarán en 2028- “Camiñas non se entera de que ten que pedilo, como si fixeron 308 alcaldes e que sería algo de extrema gravidade, ou ben pasa de todo, o cal sería dunha irresponsabilidade lamentable”.

 

Máis da metade dos dependentes están sen SAF

Cati Somoza exemplificou a gravidade da situación sinalando que, coa anterior achega autonómica, Rodeiro recibía 143.487 euros anuais polo SAF, que será a mesma cantidade que recibirá os próximos tres anos por non ter solicitado o incremento. Dito aumento ofrecido pola Xunta suporía beneficiarse de 191.317 euros no presente exercicio, 203.274 en 2027 e ata 215.231 no ano 2028. “Acaban de deixar voar 180.000 euros simplemente por non mandar un papeliño”, criticou a concelleira popular.

Finalmente, a voceira do PP indicou que esta circunstancia vai acarrexar “graves consecuencias” e vai lastrar o servizo os próximos tres anos con prexuízos directos para as arcas municipais, que xa se están moi tocadas tras despilfarrar case todo o remanente; e para os usuarios, que poderían ver rebaixado o seu copago, e os dependentes, xa que o 56% dos recoñecidos en Rodeiro seguen en lista de agarda e vai ser moi difícil que poidan beneficiarse desta prestación a curto prazo sen estes cartos perdidos pola exclusiva irresponsabilidade do alcalde.