O PP de Rodeiro esixe explicacións e accións de mellora no Servizo de Axuda no Fogar despois de que o Concello fose sancionado pola Xunta con 15.750 euros

Rodeiro, 27 de novembro de 2025

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de denunciar importantes eivas e deficiencias no desenvolvemento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como consecuencia da “mala xestión” do bipartito tras coñecer que o Concello acaba de ser sancionado pola Xunta de Galicia con 15.750 euros polo mal funcionamento desta prestación básica no coidado de maiores e persoas dependentes. Neste senso, os populares van esixir explicacións e a máxima transparencia para que se dean a coñecer todos os problemas os problemas do servizo e tamén lle esixen ao bipartito que adopte as accións de mellora oportunas para non xogar coa atención ás persoas máis vulnerables.

A formación liderada por Cati Somoza entende que as anomalías do SAF de Rodeiro son reais e de gran envergadura, posto que a xunta de goberno local celebrada o pasado 14 de novembro aceptou e aprobou o pago desta importante multa sen opoñer resistencia nin presentar algún escrito de reclamacións ou descargo “cando esa actitude de confrontación é a habitual cos temas da Xunta”.

Por elo, o PP rodeirense agarda que se expliquen á maior brevidade as eivas do servizo e as medidas que se van poñer en marcha para a súa corrección, “aínda que nos tememos que non faga absolutamente nada, deixando abandonados aos nosos maiores e dependentes, porque, ao igual que no caso do mantemento do colexio, o bipartito leva tempo anunciando a súa deixación de funcións nestas materias da súa competencia”.

Así mesmo, os populares lamentaron que, máis alá dos problemas do funcionamento do SAF, que é o máis importante e urxente de resolver, veña de producirse un “novo despilfarro” de recursos públicos nunha cantidade tan importante exclusivamente pola “mala xestión” do goberno e agardan que se depuren as correspondentes responsabilidades políticas. “Aquí non funciona nada, non se conseguen investimentos, dilapidouse 1,6 millóns de remanente deixado polo PP e os dous alcaldes seguen ben quentiños sentados nas súas cadeiras”, lamentou Somoza.

Pero é que ademais o PP cre que esta neglixencia no SAF estase a ver agravada polo propio bipartito que, tras recibir unha achega da Deputación ao abeiro do plan +Emprega para a incorporación de persoal, optou por contratar durante un ano a un técnico de Comunicación para Servizos Sociais en vez dun profesional que reforce a atención e axude a resolver todos estes problemas. “Vense claramente as prioridades de PSOE e UxR, xa que, no canto de contratar a alguén para atender aos veciños, preferiron incorporar a unha persoa para atendelos a ellos facéndolles publicidade e propaganda”, concluíu.