O PP de Rodeiro esixe explicacións a Camiñas por aprobar de xeito irregular unha factura para a inauguración das pistas de pádel cuxa celebración foi negada por el mesmo en pleno

Rodeiro, 17 de xaneiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de esixir explicacións públicas ao alcalde, José Luis Camiñas, pola aprobación de xeito irregular, no seo da xunta de goberno local que el mesmo preside e na que o PSOE ten maioría, dunha factura para a inauguración das pistas de pádel que non se producíu, posto que o propio rexedor negou a celebración deste acto no pleno celebrado o pasado 12 de xaneiro.

Ante esta situación, os populares demandan transparencia sobre este caso e tamén que se dea información pública sobre outras posibles situacións nas que se estean a pagar facturas por actos non celebrados e incluso por obras e servizos non prestados.

Neste senso, o PP de Rodeiro revelou que o executivo municipal aprobou o abono dun gasto de 154 euros en concepto de inauguración das pistas de pádel, un acto que sería “moi sorprendente” para os populares dado que aínda se atopan en construción, pero que aínda resulta “moito máis rechamante” cando o propio Camiñas asegurou non derradeiro pleno que non se producíu ningunha inauguración porque esta instalación deportiva “está en obras”. “Loxicamente non é pola cantidade, que é cativa, senón polo feito de que se estean a pagar facturas por actos que non se celebran ou cuestións que non se fan”, asegurou a voceira municipal, Cati Somoza, que, chegado o caso, pedirá a depuración de responsabilidades políticas por parte do propio rexedor.

A edil do PP engadíu que esta situación, a xuízo da súa formación vén derivada da “guerra interna soterrada” entre PSOE e UxR que xa saíu á luz noutras actividades, como a Gala do Deporte, o certame Canburguer ou Sabor Labrego, entre moitas outras. “Aquí as distintas concellerían pasan os gastos que lles peta, haxa acto ou non, como parece ser neste caso, e o alcalde traga e aproba o seu pago, polo que é o exclusivo responsable deste abono irregular, xa que se non hai inauguración, segundo as súas propias palabras, non pode haber gasto asociado, xa que sería algo totalmente ilegal”, indicou a voceira popular, que solicita a devolución dos cartos ás arcas municipais por parte do peto do propio rexedor.

Finalmente, Somoza cre que dita situación podería terse repetido noutros moitos casos ao longo do presente mandato tendo en conta en funcionamento estanco dos dous grupos municipais que conforman o bipartito e a necesidade de facer equilibrios e de contentar á outra parte “con tal de manter o goberno”, polo que estima que todo isto podería explicar “a dilapidación dos 1,6 millóns de euros de remanente que deixou na tesourería a xestión dos anteriores goberno do PP en só trinta meses”.