O PP de Rodeiro esixe a mellora integral e urxente de 18 pistas municipais polo seu “estado intransitable”

Rodeiro, 27 de agosto de 2025

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de presentar unha moción, que se debaterá no pleno ordinario do próximo luns 1 de setembro, na que esixen a mellora integral e urxente de 18 pistas que son de titularidade do Concello e que presentan un “estado intransitable”.

Os populares explicaron que, ao longo das últimas semanas, estiveron a facer un percorrido por todo o municipio e tamén estiveron a recoller queixas, reclamacións e solicitudes dos veciños e, froito deste traballo, detectaron que a rede viaria municipal “se atopa en xeral en moi malas condicións, con eivas, desperfectos e deficiencias en forma de fochancas e fendas de grandes dimensións que demostran o absoluto abandono ao que levan sometidos nestes 26 meses de mandato”.

A formación liderada por Cati Somoza explicou que só presentan boas condicións de mobilidade e circulación as estradas que se arranxaron recentemente grazas ao financiamento da Deputación e de Pontevedra e da Xunta de Galicia e lamentou a “absoluta inacción” do goberno bipartito PSOE-UxR “máis alá do que lle cae do ceo procedente doutras administracións”. “Non invisten nin un euro de fondos propios nas pistas malia ser a súa exclusiva responsabilidade e competencia e así é imposible que estean en boas condicións”, indicou a voceira municipal do PP.

Cati Somoza sinalou que, dado o estado da rede, sería preciso actuar na práctica totalidade das pistas, pero en aras do sentido común marcado pola dispoñibilidade orzamentaria, desde o PP van comezar esixindo a mellora dun total de 18 pistas municipais, que son as que teñen a capa de rodadura totalmente destrozada, co obxectivo de que se redacte o proxecto e se consigne o financiamento neste ano para a súa execución urxente en 2026. “Nestes 18 casos hai que actuar a fondo e en serio, xa que non serve o bacheo que están a facer nalgunha delas porque dentro dunhas semanas, cando comece a chover, volverán ao seu estado actual ou peor”, detallou.

En concreto, as pistas cuxa mellora é solicitada polos populas son as seguintes:

-A Torre (Guillar)-Pedroso

-O Mesón (Pedroso)-Alemparte

-A Ermida (Camba)-Outeiro (Fafián)

-Lamazares (Camba)-Coreixas (A Portela)

-Vilaxuste (Santa Eulalia) -Trasulfe (Fafián)

-Loureiro (Santa Eulalia)-Faro

-Fafián-Casanova-Río

-Bagarelas – Saborín (Vilela), que é unha das beneficiarias dun bacheo, pero é unha solución insuficiente, xa que se realiza cada ano, posto que comunica co concello lucense de Taboada, e sempre queda totalmente desfeita

-As Santas (Vilela)-Espasante (Salto)

-San Cristovo de Az-Villaravide

-Couso-Pereira (Asperelo)

-Carboentes-Arnego

-Cruce Vilares-Outeiro (Guillar), que foi suprimida polo goberno bipartito, xa que figura nas obras incluídas polo anterior executivo do PP nun proxecto con cargo ao remanente.

-Saa-Paredes (Santa Mariña de Pescoso)

-Agrosagro (Carboentes)-Rañestras

-Cuñarro (Arnego)-Agrosagro (Carboentes)

-Asperelo – Bardelas (Carboentes)

-Pescoso-Agrochouso (San Salvador)

Finalmente, na moción tamén se inclúe a reclamación ao goberno bipartito para que remate coas rozas e limpezas estivais das estradas e das súas beiravías, xa que nalgúns casos non se fixeron aínda, nin sequera antes das festas patronais como é costume no municipio. En concreto, denunciaron a falta destas tarefas nas estradas de San Cristovo do Az desde o cruceiro ata o campo da festa e o cemiterio novo, O Az-Villaravide, A Torre (Guillar)-Pedroso e A Ermida (Camba)-Outeiro (Fafián), así como as correspondentes ás parroquias de Negrelos e San Martiño de Asperelo, cuxas celebracións son en setembro e no outono, respectivamente.