O PP de Rodeiro denuncia unha nova inutilización do pavillón e do ximnasio polas filtracións das choivas derivadas da mala execución da nova cuberta hai 14 meses

Rodeiro, 9 de xaneiro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de denunciar un novo episodio de inutilización do pavillón e do ximnasio públicos como consecuencia das importantes filtracións e pingueiras de auga xeradas polas choivas destes días e lamentou que estes feitos se repitan periodicamente desde hai 14 meses a raíz da nefasta execución do cambio de cuberta realizada polo goberno bipartito a finais de 2023.
A voceira municipal, Cati Somoza, revelou que veñen de suspenderse adestramentos dos clubes locais e que as instalacións están impracticables con auga espallada polo chan das diferentes zonas e con cubos tentando recoller as importantes pingueiras que asolan este recinto municipal.
“Novamente, e xa van unhas cantas veces nos últimos meses, os equipos e os deportistas de Rodeiro están a sufrir as consecuencias dunha obra moi mal executada, sen control ningún e que se adiou ata o límite por motivos políticos, pero o peor de todo é que, en todo este tempo, aínda non foi reparada, o que demostra unha actuación totalmente neglixente do alcalde José Luis Camiñas”, manifestou a concelleira popular.
A edil do PP lembrou que o bipartito é “o único responsable de que no pavillón de Rodeiro chova máis dentro que fóra”, xa que acometeu o cambio de cuberta -en novembro de 2023- en só 15 días, a todo correr e sobre o prazo de xustificación cunhas precipitacións importantes neses días “co único obxectivo de retrasala o máis posible para tentar ocultar que fora o anterior goberno local do PP o que conseguíu os fondos para esta obra cunha partida de 140.000 euros procedente da Xunta”.
“Polo seu sectarismo, e por tentar tapar o traballo do noso grupo, non lles importou prexudicar aos veciños executando unha obra baixo a choiva e a toda présa, co cal era bastante normal que saíse tan mal como estamos padecendo, pero é que aínda por riba non foron capaces de solucionar todas estas importantes deficiencias nestes 14 meses”, lamentou a voceira.
Ademais, Cati Somoza desvelou que nas inmediacións do pavillón había, a finais de decembro, unhas pranchas para a reparación da cuberta “pero non se fixo nin no verán, que era cando tocaba tras todos os problemas do inverno anterior, nin cando non chovía e agora limitáronse a apilalas no teito sen nin sequera enganchalas”, polo que considera que o grao de neglixencia do bipartito é rotundo e que a irresponsabilidade do alcalde é absoluta.
“Camiñas non ordenou que se fixese a reparación durante o verán e agora limita a súa xestión a rezar para ver se deixa de chover. E parece ser que si, que vai deixar de chover, pero adiantámoslle que vai volver a facelo máis pronto que tarde, polo que lle esiximos que faga a reparación dunha vez e en condicións, porque os veciños non teñen que soportar a súa ineficacia”, ironizou.