O PP de Rodeiro denuncia que os veciños pagan os impostos municipais máis altos da zona malia ter dos peores servizos e esixen medidas de contención fiscal
Rodeiro, 16 de maio de 2026.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de denunciar que os veciños pagan os impostos máis altos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao soportar a presión fiscal máis elevada dos oito concellos, cifrada en 478,1 euros por habitante ao ano, e lamenta que esta “desorbitada carga tributaria” se impoña malia ter dos peores servizos da zona. Ante esta situación, os populares esixen que se apliquen dunha vez por todas medidas de contención e rebaixa fiscal.
Neste senso, a formación liderada por Cati Somoza cre que o bipartito está “asfixiando” aos rodeirenses ao facerlles pagar preto de 500 euros en impostos municipais ao ano, segundo os datos da derradeira liquidación aprobada, correspondente ao ano 2024 e que foi facilitada polo Ministerio de Hacienda. Así, indicou que a cifra supera folgadamente a Lalín (445,4 euros), Silleda (412,9 euros), Dozón (387) e Agolada (382,3 euros) e supera a diferenza dos cen euros por exercico con A Estrada (372,3 euros), Vila de Cruces (342,7 euros) e Forcarei (327,7 euros).
Ademais, o PP indicou que este “triste ránquin” no que os veciños de Rodeiro “son os que máis pagan e dos que menos reciben” vaise manter cando se dean a coñecer as liquidacións de 2025, “xa que o bipartito xa deixou claro que o seu único ánimo é cobrar ata a última pingueira aos veciños cando rexeitou a proposta do PP para a rebaixa do IBI malia que tanto José Luis Camiñas como Alberte Lamazares se pasaron anos na oposición esixindo que se reducise o tipo deste imposto”.
Cati Somoza deixou claro que esta situación fiscal débese exclusivamente á suba dos valores do IBI de Rodeiro aprobada pola Dirección General de Catastro, dependente do Goberno de España, no ano 2023 coa condescendencia do bipartito e que supuxo un incremento anual do 24%. “O Concello espetoulle aos veciños unha suba retroactiva de catro anos para ingresar de súpeto 288.000 euros e, desde aquela, cóbralles 72.000 euros anuais máis de IBI ao tempo que ofrece unha total resistencia a axudar á xente baixando o tipo”, lamentou.
Finalmente, a voceira popular indicou que, ademais, esta situación fiscal tan gravosa para os petos dos rodeirenses non leva aparellada unha correlación similar coas obras e servizos: “Temos un Concello que ingresa case 1,1 millóns de euros anuais en impostos, pero que non os revirte nos cidadáns, xa que só destina 850.000 aos servizos básicos e ten as pistas municipais no peor estado da súa historia, e ademais está cobrando impostos máis altos que Lalín, que xa é algo totalmente surrealista. Desde logo, non se corresponde para nada o que os cambotes pagan co que reciben”.