O PP de Rodeiro denuncia os graves prexuízos aos clubes polo estado do pavillón que provoca a suspensión de partidos e adestramentos e esixe de novo solucións á entrada de auga

Rodeiro, 14 de febreiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de denunciar os graves prexuízos que están a sufrir os clubes e usuarios do pavillón municipal pola neglixencia do goberno bipartito de José Luis Camiñas no cambio da cuberta realizado hai pouco máis de dous anos, xa que a mala execución desta obra está a provocar constantes suspensións de partidos e adestramentos, nalgúns casos con sancións económicas das entidades deportivas. Por iso, reitéralle ao executivo municipal que acometa de xeito urxente solucións efectivas e reais á importante entrada de auga nesta instalación polas pingueiras e filtracións.

Os populares revelaron que o equipo sénior feminino de fútbol sala tivo que trasladar o seu derradeiro partido na casa –fixado para o pásado sábado 7– ao pavillón de Agolada, porque o clube está canso de ter que pagar multas á federación pola cancelación de encontros determinada polos árbitros ao determinar que a cancha de xogo non se atopa en condicións. Ademais, esta mesma semana, nunha situación constante que se repite case todos os días, o patinaxe e o balonmán tiveron que cancelar as súas prácticas polas inundacións e charcos en gran parte da instalación.

A voceira municipal, Cati Somoza, amosou a súa preocupación por esta situación, que a súa formación leva reclamando que se arranxe durante todo o mandato, e está totalmente convencida, tristemente, de que o bipartito é incapaz de solucionar as importantes pingueiras e filtracións do polideportivo, “xa que fixeron fatal a obra en só quince días e ás presas pola súa exclusiva irresponsabilidade, acometeron dúas reparacións que resultaron fallidas e están poñendo en marcha unha terceira que agardamos que non empeore a situación como pasou coas outras dúas”.

A concelleira lembrou que este grave problema xurdiu tras o cambio de goberno, xa que o PP deixou consignados, cunha importante achega da Xunta, 200.000 euros para o cambio da cuberta “e o goberno de Camiñas converteunos no peor investimento da historia de Rodeiro cunha execución nefasta, e pasamos de ter un pavillón que era unha referenza a un burdo intento de piscina cuberta”.

A edil do PP indicou que non deixará de insistir na reparación do teito do polideportivo, pero amosou a súa nula confianza en que o executivo municipal sexa capaz de acometela, “xa que creo que chegamos a un punto en que o seu estado vai obrigar a cambiala de novo e para iso hai que conseguir outros 200.000 euros que o actual goberno non sabe como, polo que os deportistas e usuarios van ter que asumir esta situación o que queda de tempada e a que vén e confiar en que remitan as choivas”. En calquera caso, indicou que, se os veciños lle dan a súa confianza nas eleccións de dentro de quince meses, o arranxo do pavillón será unha prioridade para activar nas primeiras semanas do mandato.