O PP de Rodeiro denuncia novas perdas de fondos para o PAI e para as rozas de prevención de lumes pola falta de solicitude ou facelo fóra de prazo do goberno bipartito

Rodeiro, 17 de xullo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de denunciar novas perdas de fondos por parte do Concello -tras a de 180.000 euros por non solicitar máis financiamento para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)- para o Punto de Atención á Infancia (PAI) e para as rozas orientadas á prevención de lumes pola falta da correspondente petición ou por facelo fóra de prazo polo goberno bipartito.

Os populares indicaron que a situación no seo do executivo de José Luis Camiñas atópase “totalmente descontrolada” mentres pasan as oportunidades, en forma de prazos para as moitas axudas que habilita a Xunta, dun xeito moi prexudicial para os veciños, “posto que se están a perder moitas máis subvencións das que se reciben sen que ninguén xestione as cousas máis básicas cun pouco de cabeza”, en palabras da voceira municipal, Cati Somoza.

Así, o PP de Rodeiro revelou que o bipartito non presentou ante a Xunta a correspondente solicitude de fondos á Xunta ao abeiro das achegas europeas do MRR para o punto infantil, o que permitiría aumentar as 20 prazas existentes, pero ademais o Goberno de España impide o financiamento das actuais, polo que, a causa da neglixencia do goberno local, hai un evidente risco de que teña que recurtar as prazas a só 16.

Pero ademais, os populares concretaron que o executivo de Camiñas se adheríu ao convenio de rozas fronte aos lumes ofrecido pola Xunta e Seaga a comezos do pasado mes de xullo, “só despois de que desde o PP llo esixiramos ata catro veces durante toda a primavera e pola mala conciencia que tiñan ante a nosa moción que se debateu no pleno do día 6 deste mes”. “Foi unha medida para lavar a cara e só para tratar de desvirtuar a nosa proposta”, aseverou a concelleira popular, que lamentou que esta adhesión xa non teña ningunha utilidade de cara a este verán, porque a Xunta non vai acometer esta limpeza dado que fixou como data límite para a súa solicitude o pasado 31 de marzo “e Rodeiro chegou máis de tres meses tarde”.

Así, Cati Somoza indicou que as perdas de fondos, principalmente da Xunta, están a ser unha “constante insoportable” que, só nas últimas semanas, afectaron ao SAF, o punto infantil e a política de prevención de lumes, pero augurou que esta dinámica “aínda pode empeorar” polo mal funcionamento e o sistema de traballo do bipartito con departamentos estanco, sen liderado e sen control das distintas liñas. “Auguramos que se van seguir perdendo cartos e oportunidades, o que resinte gravemente os investimentos e nos aboca a recurtes nos servizos”, finalizou a edil do PP.