O PP de Rodeiro denuncia enfrontamentos e ciumes entre Camiñas e Lamazares e pídelles que pechen a crise do goberno para non prexudicar aos veciños

Rodeiro, 10 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de denunciar que a xestión do Concello estase a ver afectada cun importante grao de deterioro polos crecentes enfrontamentos e ciumes entre os “dous alcaldes”, José Luis Camiñas e Alberte Lamazares, e pídelle a ambos que cesen na súa guerra política e pechen a crise de goberno para non prexudicar aos veciños.

Os populares revelaron que as súas fortes discrepancias, que non se molestaron nin en agochar no derradeiro pleno celebrado o pasado luns, van en aumento tras varios episodios de enfrontamentos, como a apertura da pista de pádel, a organización e promoción da festa do Sabor Labrego ou o anuncio de presentación das obras do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra a cargo do voceiro de UxR, Alberte Lamazares.

O PP de Rodeiro indicou que as diferenzas e o malestar entre ambos partidos comezou a facerse notable a raíz do certame Sabor Labrego, organizado polas concellerías de Unidade por Rodeiro e no que se deixou de lado a José Luis Camiñas, que non asistíu a varios actos desta cita nunha situación que se repite este ano e que causa tensións entre ambos partidos, xa que tamén pasou o mesmo, coa ausencia do alcalde, na Gala do Deporte

Ademais, tamén estanse a producir enfrontamentos pola pista de pádel, posto que Camiñas non era partidario de abrila ata que non estivera instalada a cuberta, que vai ser financiada pola Deputación, pero Lamazares optou por poñela a funcionar hai unhas semanas, malia que levaba un ano parada e fora pedido anteriormente polo PP, só para tentar contraprogramar unha visita do presidente da Deputación e concelleiro popular, Luis López, para anunciar fondos para este recinto deportivo.

De feito, malia que a apertura era coñecida por todo Rodeiro, Camiñas respondeu a preguntas do PP admitindo que non sabía si estaba en funcionamento e se fora inaugurada, deixando claro que mantiña a súa postura do pasado mes de xaneiro de que non debería abrirse ata a instalación da cuberta.

Sen embargo, os populares revelaron que o enfado entre ambas partes converteuse en maiúsculo despois de que Alberte Lamazares gravara un vídeo para anunciar e presentar as obras que van ser pagadas este ano cos fondos da Deputación sentado na cadeira do alcalde no salón de plenos e ademais facelo xusto antes da sesión da corporación sen ningún tipo de aviso ao seu socio.

Todas estas diferenzas e tensións, que van en aumento conforme avanza o mandato municipal, son as causantes de que o bipartito non fora quen de presentar un proxecto de Orzamentos Municipais conxunto despois de dous anos malia que se comprometeran a presentar unhas contas nos primeiros meses de mandato. “O alcalde dixo o ano pasado que non sabía cando ían presentar o proxecto económico e este tampouco, e limitouse a sinalar que estaban traballando nel, pero foi o mesmo que dixo en 2024, que é a maneira que ten de agochar o forte enfrontamento que hai entre eles”, sinalou a voceira, Cati Somoza.

“Todos os bipartitos de esquerdas acaban rebentando por problemas internos, e temos moitos exemplos en toda a provincia, e Rodeiro non ía ser diferente, pero xa que fixeron un pacto de perdedores só para que non gobernara o PP malia que gañamos as eleccións, polo menos esíximoslle que aparquen as súas diferenzas e xestionen o Concello polo ben dos veciños, que non teñen que pagar nin sufrir as súas leas”, concluíu a concelleira popular.