O PP de Rodeiro critica a xestión e falta de control do goberno local na humanización da rúa B, que presenta numerosas deficiencias, e esíxelle dilixencia na súa reparación

Rodeiro, 27 de abril de 2025.-

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de criticar a xestión e falta absoluta da labor de control por parte do goberno local na obra de humanización da rúa B da localidade, que presenta numerosas deficiencias apenas dúas semanas despois do seu remate, e esíxelle dilixencia aos membros do bipartito para que a reparación destas eivas, que xa está en marcha, sexa eficiente e remate cun resultado óptimo.

Os populares lamentaron que, tras un investimento de 450.000 euros financiado principalmente grazas a unha achega do 90% da Deputación, o vial do colexio, que ademais é un dos máis transitados da vila, presente importante fendas na plataforma da calzada, teña escorrentías de augas sobre as beirarrúas en vez de polas canalizacións e teña importantes irregularidades no firme que dificultan a circulación de vehículos.

“É unha mágoa que a Deputación nos achegue unha cantidade tan importante, no que é o maior investimento do Concello neste mandato, e a rúa presente un estado lamentable simplemente porque ningún dos dous alcaldes, que se reparten a responsabilidade en materia de obras, comprobou que os traballos avanzaban mal e que o resultado estaba a ser pésimo. Polo que agora, dado que comezou o arranxo das deficiencias coa conseguinte prolongación das molestias para os veciños, agardamos que traballen en serio na labor de inspección”, detallou a voceira municipal, Cati Somoza, que lembrou que os negocios e residentes da zona e os demais veciños levan dez meses padecendo as incomodidades da obra tras a concesión de dúas prórrogas e agora volven a sufrir os cortes e os ruídos porque nin con todo iso se entregou en condicións.

A concelleiro popular advirte, ademais, de que a reparación dunha obra feita adoita a ser complicada para que quede en perfectas condicións, xa que para elo practicamente habería que desfacela por completo e comezala de novo e esixíu ao goberno que non pase por un arranxo mínimo que provoque que, dentro dalgunhas semanas ou meses, volvan a reproducirse todos estes problemas.

“É inadmisible que o executivo aprobase en xunta de goberno oito certificacións desta actuación, entre elas a final con orde de pago á´adxudicataria, e non se enterase de que a obra ía moi mal, espertando queixas da comunidade educativa e das familias, polo que agardamos que agora, polo menos, estean pendentes de que as obras de subsanación non sexan unha chapuza”, sinalou Somoza.

Finalmente, a voceira cre que estas obras de humanización son o “triste exemplo” do que sucede en Rodeiro “por contar con dous alcaldes e que os dous teñan competencias en materia de obras”, xa que, ao final, as actuacións acaban por non ser controladas por ningún deles e os cartos públicos acábanse dilapidando en proxectos mal executados.