O PP de Rodeiro critica a “lamentable xestión” do bipartito co SAF tras a imposición dunha multa por irregularidades e esixe a urxente mellora dun servizo “imprescindible”

Rodeiro, 18 de xaneiro de 2025.- O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de criticar a “lamentable xestión” do goberno bipartito co Servizo de Axuda no Fogar (SAF) despois de que a Xunta de Galicia lle abrise un expediente sancionador e lle impuxese unha multa económica por numerosas e graves deficiencias e irregularidades, polo que lle esixe a urxente mellora dunha atención “imprescindible e moi sensible nun concello coma o noso con moita poboación maior que precisa destes coidados”.

A voceira popular, Cati Somoza, anunciou que o PP vaise interesar no pleno por esta cuestión para que o goberno municipal sexa transparente e dea todas as explicacións e revele todos os problemas existentes e que foron recollidos no expediente sancionador, “xa que o alcalde José Luis Camiñas limitouse a escudarse en que falta personal e referíuse a vaguedades, pero sabemos que o deterioro e empeoramento do servizo está a ser moi importante e os veciños temos dereitos a saber que están a facer co SAF porque hai moitas irregularidades nun camiño que parece dirixirse cara o seu desmantelamento”.

“Hai 313 concellos en Galicia que presta a Axuda no Fogar e Rodeiro é un dos só nove que foron sancionados pola Xunta, polo que os dous alcaldes xa se poden ir esquecendo do seu argumentario habitual coas teorías da conspiración e de cazas de bruxas que só existen no seu maxín, porque o único que pasa neste caso, que aínda non está aclarado xa que cremos que hai moito máis de fondo, é que o fan rematadamente mal e que o pagan os veciños”, sinalou a concelleira do PP.

A edil popular calificou de “lamentable” que no haxa servizo durante as fins de semanas, que falte personal e que non haxa os asistentes sociais que se precisan, que foron as eivas confirmadas polo alcalde, “pero sospeitamos que os problemas recollidos no expediente son máis, porque os coñecemos de primeira man xa que nolos trasladan os usuarios e as súas familias”.

Ademais, Cati Somoza considera que as xustificacións do rexedor socialista de que teñen dificultades para atopar persoal confirman que “estamos ante un goberno totalmente ineficiente e ineficaz que non se merece Rodeiro”, xa que lembrou que hai outros 304 concellos aos que isto non lles pasa”.

Finalmente, lamentou que Camiñas se limite a dicir que a sanción é “inxusta” e non faga autocrítica sobre os moitos problemas que están xerando no SAF, polo que lle pedíu que “asuma as súas propias responsabilidades e corrixa de inmediato todas as deficiencias do servizo”. “Alegar que son competencias impropias, que non ten cartos ou que non atopa traballadores son excusas de mal pagador e demostra, tristemente, nas mans de quen estamos”, concluíu.