O PP de Rodeiro censura a “actitude temeraria” do bipartito para a prevención de lumes por seguir sen convenio de rozas coa Xunta e só aproveitar unha das tres axudas

Rodeiro, 17 de xuño de 2026

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de censurar a “actitude temeraria e totalmente irresponsable” do goberno bipartito de José Luis Camiñas en materia de prevención de lumes por seguir sen convenio de rozas e limpeza coa Xunta de Galicia e Seaga malia que xa pasaron case tres meses desde que se pechara o primeiro prazo e por só aproveitar unha das tres liñas de axudas habilitadas para os concellos nesta materia por parte do Goberno galego.

Neste senso, os populares lamentaron que Rodeiro sexa o único municipio da provincia de Pontevedra, xunto a Vila de Cruces, que non se sumara a esta iniciativa para as rozas que é fundamental para protexer o territorio e que, deste xeito, se lle cargue toda a responsabilidade aos veciños cando se podía facer gran parte do traballo con medios públicos.

“É inadmisible que o goberno de Camiñas caia nesta deixación de funcións e neste pasotismo nun tema tan sensible no que toda axuda é necesaria e benvida e máis cando somos un territorio rural, agrogandeiro e forestal e xa sufrimos tres incendios de pequenas dimensións na presente primavera”, clamou a voceira municipal, Cati Somoza, que lembrou que desde o PP xa se lle pedíu que se sumasen a este acordo a comezos de maio “pero corenta días despois parece que a cousa segue sen ir con eles”.

Ademais, a concelleira do PP lembrou que os veciños de Rodeiro, dado que a maioría traballa no sector primario, apenas contan con tempo, e máis na actual época de ensilado, para facer estas rozas, polo que non se entende como o Concello non lles bota unha man cando ademais a Xunta pon a oportunidade en bandexa cun convenio moi beneficioso”.

A edil do PP lamentou que “chove sobre mollado” cunha “xestión esperpéntica” que deixa pasar todas as axudas da Xunta “para que aínda por riba haxa que escoitarlles queixando”, xa que lembrou que o goberno de Camiñas tamén acaba de perder 180.000 euros ofrecidos pola Xunta para o financiamento do SAF.

Cati Somoza exemplificou esta perda de oportunidades, circunscrita ao ámbito da prevención de lumes, sinalando que Rodeiro só se adheríu á proposta para a incorporación dos traballadores do programa Aprol, deixando escapar as dúas máis importantes, consistentes na conformación dunha brigada de extinción -como fixeron Lalín, A Estrada, Silleda e Forcarei- e no citado convenio das rozas.

“Isto non o entenden ninguén e máis cando o propio Camiñas admitíu que o convenio con Seaga lle parecía moi interesante, pero ás portas do verán somos o único concello que non o asinou e iso, e hai que denuncialo, pon en risco aos nosos veciños, os animais, as vivendas, as granxas, os bens e o territorio de Rodeiro”, concluíu a voceira.