O PP de Rodeiro apoia as demandas da ANPA do CPI pola falta de mantemento e lamenta que o bipartito leve catro cursos consecutivos sen acometer estas obras da súa competencia

Rodeiro, 9 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de amosar o seu apoio ás demandas da Asociación de Nais e Pais (ANPA) Xulio Lois do CPI pola evidente falta de mantemento e deterioro do colexio público por parte do goberno local e lamenta que esta situación se repita ano tras ano, xa que o bipartito leva catro cursos consecutivos sen acometer estas obras de conservación que son da súa exclusiva competencia.

Os populares indicaron que as demandas dos proxenitores referidas ao estado dos aseos, os problemas de iluminación pola existencia de luces fundidas ou a falta de limpeza dos canalóns que xera filtracións no interior son cuestións de mantemento e, polo tanto, son responsabilidades do Concello, polo que criticou que o bipartito se negue a acometer estes traballos “nun caso único en toda Galicia porque non sucede nos outros 64 CPI da nosa comunidade, nos que os seus respectivos gobernos si asumen, como lles corresponde, estas tarefas”.

“O bipartito de Rodeiro leva catro anos consecutivos sen mirar para o noso colexio e ademais gábase de non facelo porque di que non lle corresponde no que supón un exercicio de absoluta irresponsabilidade e abandono para co centro e coas 200 persoas que conforman a súa comunidade educativa”, manifestou a voceira municipal, Cati Somoza, que adiantou que volverán a levar esta reclamación ao pleno na sesión do próximo luns “como tristemente levamos facendo todo este mandato nesta época do ano”.

A edil do PP deixou claro que neste caso non existe ningún conflito de competencias “senón a simple teima dun goberno en non asumir as súas responsabilidades, que é algo que levan facendo en moitas materias, como o mantemento das pistas municipais” e asegurou que concorda completamente coa ANPA na necesidade de que haxa “solucións inmediatas”.

Somoza lembrou que a Xunta cumpriu co CPI de Rodeiro cun investimento de 513.000 euros en 2023 para o cambio das súas 295 fiestras e outras melloras de illamento acústico e térmico, “pero loxicamente a confortabilidade do colexio vese resentida se logo o Concello, como leva facendo todos estes anos, non executa o necesario mantemento”.

Finalmente, calificou de “triste” ver como os demais concellos da provincia, como hoxe mesmo os casos da Illa ou Salceda, ambos co PSOE no goberno, informan estes días das obras de conservación acometidas ao logo do verán “mentres o bipartito négallas á xente de Rodeiro” e reiterou que o PP incluirá especificamente no seu programa electoral de cara as eleccións municipais de 2027 a asunción destes traballos todos os anos nas semanas previas ao inicio de curso.