O PP de Rodeiro alerta da persistencia de deficiencias na obra da rúa B malia a recepción por parte do goberno e esixe o seu arranxo para que non se repita o caso do pavillón
Rodeiro, 9 de setembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de alerta de que nas finalizadas obras de humanización da rúa B da localidade, que é unha das máis transitadas pola presenza do colexio público, aínda persisten claras deficiencias e desperfectos malia que a xunta de goberno local acaba de recepcionar a obra, “o que se traduce en que entende que a actuación está perfectamente executada, que é algo que dista moito de ser verdade”.
Os populares tildan de “lamentable” que este proxecto, o máis importante desenvolvido en Rodeiro no último ano grazas a unha achega de 400.000 euros por parte da Deputación de Pontevedra, presente este estado cando vén de darse por rematado e responsabilizou delo ao bipartito por non actuar con dilixencia e co oportuno deber de control e inspección da obra “como de cotío en todas as obras que se fan no municipio”.
O PP local, que xa denunciou en varias ocasións os graves problemas de execución na mellora deste vial, revelou que o firme xa presenta fendas e mantén irregularidades no firme que provocan incomodidade na circulación e advertiron que esta situación vaise ir deteriorando e van provocar un regueiro de problemas coa chegada das choivas no inverno.
Ante esta situación, a formación liderada por Cati Somoza quere esixirlle aos “dous alcaldes” que se tomen o seu traballo en serio por respecto aos veciños e ao axeitado uso de diñeiro público e procedan a solicitarlle á empresa adxudicataria, a firma Nature “que casualmente é que a que se leva a práctica totalidade das obras en Rodeiro”, que proceda ao seu arranxo definitivo de inmediato.
O PP cre necesaria a subsanación de todas estas eivas para evitar que se repita o caso do pavillón municipal, cuxa obra de renovación da cuberta foi executada ao amparo do bipartito en pouco máis de dúas semanas grazas a unha axuda de 140.000 euros da Xunta, “e aos poucos días xa se comprobou a súa mala execución, posto que comezou a chover por dentro, inutilizando moitas veces esta instalación, cun problema que aínda se mantén sen resolver na actualdiade”.
Ademais, os populares tamén queren reclamar información, transparencia e explicacións sobre todas as cuestións administrativas desta obra da rúa B, xa que estivo chea de retrasos –quince meses entre a adxudicación en xuño de 2024 e a recepción en setembro de 2025–, prórrogas e incumprimentos dos prazos, “que polo que se ve nin sequera serviron para que a rúa quedara ben feita”. Nesta liña, tamén se interesarán polos motivos polos que a xunta de goberno local aprobou a oitava e derradeira certificación dos traballos o pasado mes de abril e tardou cinco meses en aceptar a recepción.