O PP de Rodeiro advirte de que os elevados impagos cos provedores, con 586.000 euros de facturas pendentes, confirman a “preocupante situación económica” do Concello

Rodeiro, 26 de novembro de 2025

O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de advertir de que os datos económicos oficiais ao peche do tercero trimestre do ano, publicados polo Ministerio de Hacienda, revelan a existencia de elevados impagos cos provedores que prestan obras e servizos ao Concello, con 586.056 euros en facturas pendentes, e confirman a “preocupante situación económica” das arcas municipais pola xestión do bipartito PSOE-UxR.

A voceira municipal, Cati Somoza, lamentou que os dous alcaldes “xa teñan situado ao Concello, en só trinta meses de mandato, ás portas do abismo económico” tras dilapidar os 1,6 millóns de euros remanente deixados polo goberno do PP, sen cartos para acometer obras nin cofinanciar as achegas da Xunta, sen cumprir os compromisos de baixar o Imposto de Bens Inmobles (IBI) e malia que a Contribución está reportando un incremento de 205.000 euros nos ingresos por mor da forte suba deste tributo a causa a actualización e recatalogación dos bens rústicos auspiciada polo goberno local.

“A verdade é que non se pode facer peor en menos tempo. Gastaron todos os moitos aforros que tiñamos en non sabemos qué, non hai un euro para facer investimentos e nin sequera para o mantemento do colexio ou para soster o Servizo de Axuda no Fogar, que son cousas das que está tentando escaquearse, e como consecuencia deste despilfarro e de baleirar as arcas municipais agora temos que a maioría dos provedores, moitos dos cales son de Rodeiro, están sen cobrar”, sinalou a concelleira do PP.

Neste senso, a edil afeoulle ao bipartito que incumpra o Período Medio de Pago (PMP) a provedores, fixado en 46,20 euros cando o máximo legal son 30 xornadas, e tamén que, segundo os datos oficiais do Ministerio de Hacienda, “o Concello de Roderio sexa o peor xestionado de toda a comarca do Deza”, posto que é o único que adebeda, ao peche do terceiro trimestre, máis facturas das que é capaz de pagar ao ter pendentes os citados 586.056 euros mentres que satisfaceu facturas por só 429.024.

“É normal que queden cousas pendentes polo propio funcionamento da administración, pero tamén é normal que se paguen moitas máis facturas das que quedan por resolver, que é algo que pasa en todos os concellos da nosa comarca agás en Rodeiro, que ten máis pufos que cumprimentos e que é algo que se vai agravar porque levamos trinta meses sen xestión e agora tampouco hai diñeiro”, concluíu a voceira popular.