O PP de Rodeiro acusa ao bipartito de poñer en risco aos veciños, as vivendas e o territorio fronte aos lumes por non adherirse ao convenio de limpeza de franxas da Xunta
Rodeiro, 6 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de acusar ao goberno bipartito de poñer en risco aos veciños, as vivendas, o gando e o territorio fronte aos lumes forestais por non adherirse ao convenio de limpeza de franxas secundarias dos núcleos de poboación da Xunta de Galicia e da empresa pública Seaga e por non artellar ningunha medida especial de roza ás portas do verán máis alá de publicar bandos informativos.
Os populares salientaron que esta iniciativa do Goberno galego é de gran importancia e, proba delo, é que 293 concellos xa se sumaron á mesma para facilitar e axilizar os traballos de prevención consistentes na limpeza dos radios de 50 metros dos núcleos rurais, polo que calificaron de “inadmisible” a actitude pasotismo e vagancia do alcalde, José Luis Camiñas.
Neste senso, lembraron que Rodeiro xa sufríu tres incendios de pequenas dimensións a pasada primavera e que se trata dun municipio moi sensible a esta lacra por ser unha zona rural, agrogandeira e forestal, polo que lamentaron a inacción do executivo municipal para recabar esta axuda da Xunta para rozar e limpar todas as contornas dos núcleos e que tamén rexeitara a evidente urxencia da moción presentada polo PP no pleno do pasado lunes reclamando a sinatura deste convenio.
A formación liderada por Cati Somoza lembrou que o prazo de adhesión ao convenio está aberto durante todo o ano, pero o Goberno galego fixou como primeira data inicial o pasado 21 de marzo para programar todas as actuacións necesarias, “polo que, aínda que Rodeiro se incorpore agora, vai quedar loxicamente fóra destes traballos, xa que nin dá tempo antes da época de calor nin está estipulado pola firma Seaga”.
Así, a voceira municipal do PP criticou que 46 días despois de esta data límite siga sen pedirse a adhesión ao convenio de maneira inmediata, pero é que ademais elevou o seu malestar porque o propio alcalde calificou a medida de moi interesante. “Se non considerara boa esta proposta tería un problema de percepción, pero aínda se entendería que non a solicitara, pero dado que a valor como positiva non sabemos a que está agardando”, detallou a edil popular.
Finalmente, Somoza cre que o rexedor estase trabucando absolutamente cos tempos neste asunto e esíxelle que rectifique para protexer a Rodeiro nas mellores condicións ante a posible aparición de lumes forestais. “O alcalde dixo no pleno que en xullo comezarán a analizar cuns técnicos as zonas que precisan de limpeza, polo que supoñemos que o resto do plan pasará por rezar nas misas das moitas festas que temos en agosto para que non haxa incendios e que logo as choivas do outono xa se encarguen do resto”, ironizou a voceira do PP.