O PP de Rodeiro acusa a Camiñas de poñer en risco a integridade dos deportistas do pavillón tras dúas lesións graves pola presenza de auga e esíxelle unha solución efectiva e urxente
Rodeiro, 4 de febreiro de 2026.-
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de acusar ao alcalde, José Luis Camiñas, de poñer en risco a integridade dos centos de deportistas e usuarios do pavillón tras rexistrarse dúas lesións graves nas últimas semanas a causa de esvaramentos -tal e como se comunicou desde o colexio público- pola importante presenza de auga na cancha de xogo e esíxelle que adopte as medidas provisionais que correspondan para garantir a súa seguridade e a execución dunha solución efectiva urxente que corrixa as pingueiras e filtracións procedentes da cuberta.
Os populares lamentaron a “incapacidade de xestión e a irresponsabilidade absoluta” do rexedor con respecto a esta instalación municipal, xa que tras máis de dous anos non foi quen de poñer couto á importante cantidade de auga e ás filtracións xeradas polo cambio da cuberta executado polo goberno bipartito en novembro de 2023 e que se fixo de xeito erróneo –sen reclamarlle posteriormente a garantía á empresa adxudicataria– en apenas quince días cando o prazo de execución era de tres meses. Ademais, lembraron que o executivo dirixido por José Luis Camiñas xa leva dous intentos de reparación ineficientes “que resultaron un completo fracaso porque aínda entra máis auga que ao principio” e reclamáronlle ao rexedor que se tome en serio esta instalación.
“O noso polideportivo era unha das referenzas deportivas da bisbarra do Deza e, desde a chegada do bipartito e as obras acometidas baixo a súa dirección, é unha instalación impracticable que exemplifica ben ás claras o afundimento, nunca mellor dito, do que pasa en todo o concello”, sinalou o vicevoceiro, Pablo Cuñarro.
Ante esta situación, o concelleiro popular solicitoulle ao alcalde que asigne de xeito provisional un traballador municipal a esta instalación para que teña o recinto seco e en condicións antes de que cheguen os usuarios, que é algo que xa lle pediron os clubes. Segundo explicou o edil, trataríase dunha solución temporal para evitar novas lesións, accidentes e sustos mentres non se realice de xeito urxente un estudo de diagnose do problema existente na cuberta e se acometa inmediatamente un arranxo definitivo.
“O Concello é o único responsable desta instalación e ten que tela en condicións ou, se non é capaz, proceder ao seu peche, porque os deportistas de Rodeiro están xogándose a súa integridade. Non é de recibo que o bipartito os deixe abandonados e adiquen gran parte dos seus adestramentos a secar a cancha de xogo con papeis e toallas porque estamos ante un recinto no que chove máis dentro que fóra”, manifestou Pablo Cuñarro, que lamentou que o alcalde estea a culpar aos clubes por empregar o pavillón no actual estado “nuha deixación de funcións e escapismo da súa responsabilidade que non se pode tolerar”.
Finalmente, o edil popular reiterou a necesidade de que o Concello artelle medidas provisionais para ter o recinto en condicións ou proceda á súa clausura nas xornadas de choiva e de que acometa unha reparación definitiva ao terceiro intento, aínda que expresou as súas serias dúbidas de que o goberno de Camiñas sexa quen de subsanar as filtracións e pingueiras “porque os precedentes na execución doutros obras están aí e non son nada positivos”.