O PP de Redondela solicita a inclusión da recuperación do pantalán de Cesantes no anunciado proxecto de senda e mellora do litoral entre o porto e a praia da Punta
Redondela, 10 de outubro de 2025.
O grupo municipal do PP de Redondela vén de solicitar a inclusión a recuperación e reconstrución do pantalán de Cesantes ao abeiro do anunciado proxecto de creación dunha senda e mellora do litoral e da fachada marítima entre o porto desta parroquia e a praia da Punta.
Os populares visitaron onte a zona xunto a representantes de distintos colectivos de Cesantes, como a Confraría de Pescadores San Xoán, a comisión de festas do Carme, representantes do cerco, do Obradoiro Fernando Monroy e do Clube Náutico, así como de diversos veciños e coñeceron de primeira man o estado da contorna, ao tempo que recolleron a histórica reivindicación para a súa reconstrucción, xa que cómpre lembrar que desapareceu hai máis dunha década tras un temporal.
O PP redondelán, tras escoitar aos veciños de Cesantes, anunciaron hoxe que defenderán nos distintos ámbitos a recuperación deste espazo, incluso levando esta proposta ao pleno da corporación, e sinalaron que, en primeira instancia, consideran que o proxecto en marcha da senda litoral -anunciado polo goberno local o pasado mes de xaneiro- “é unha gran oportunidade” para que se acometa unha actuación integral que inclúa o citado pantalán e se atenda deste xeito as demandas de pescadores, usuarios e colectivos.
O voceiro municipal, Javier Bas, explicou que o proxecto do paseo marítimo “supón a ocasión perfecta, polo financiamento e pola coincidencia temporal” para recuperar este pantalán, xa que deste xeito “quedaría integrado de forma natural no novo deseño da fronte costeira”. Ademais, engadíu que tería un perfecto encaixe técnico e económico e permitiría mellorar os usos deportivos, pesqueiros e recreativos de Cesantes, ao tempo que axudaría á dinamización desta parroquia.
“Cremos que sería o complemento perfecto para o paseo e suporía unha mellora clave para o conxunto de Cesantes que se podería acadar con vontade de colaboración entre administracións co apoio dos veciños e por iso o Partido Popular vai estar sumando para que esta obra se faga realidade”, detallou o edil
Cómpre lembrar que este antiguo pantalán da Punta construíuse orixinariamente en madeira durante as obras de rehabilitación da Illa de San Simón e, durante anos, o seu uso foi compartido por mariñeiros, veciños e visitantes, que o empregaban para acceder ás súas embarcacións, pescar ou simplemente disfrutar da paisaxe da ensenada. A súa desaparición hai case unha década supuxo a perda dun espazo fundamental para a actividade pesqueira, social e festiva de Cesantes, afectando especialmente á celebración da procesión do Carme, que na actualidade require de estruturas provisionais para o desembarco.