O PP de Redondela seguirá loitando contra a “inxusta suba” da taxa do lixo nun 165% a través do recurso xudicial en curso ou coa súa derogación se chega ao goberno local en 2027

Redondela, 2 de decembro de 2025

O grupo municipal do PP de Redondela vén de anunciar, co gallo do período voluntario de pago da nova taxa do lixo que está aberto na actualidade, que seguirá loitando, tal e como fixo durante o último ano, contra a “inxusta e brutal” suba deste tributo nunha media dun 165%. Neste senso, lembrou que tras o seu rexeitamento plenario -a medida foi aprobada por PSOE, BNG e AER- e a presentación de alegacións que foron desestimadas polas forzas de esquerda, está a centrar os seus esforzos neste momento no recurso xudicial presentado contra este incremento.

“Non somos moi partidarios de levar os temas políticos ante os tribunais, pero neste caso non nos quedou outra polas inxustizas, desigualdades e abusos desta nova taxa e seguimos agardando a que o proceso vaia avanzando coa intención de chegar ata o final na defensa dos intereses xerais dos redondeláns”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas, que, en calquer caso, anunciou a intención do PP de derogar esta ordenanza fiscal se chega ao goberno local tras as eleccións municipais de 2027 e emprender unha mesa de diálogo cos veciños, comerciantes, hostaleiros e colectivos económicos para aunar unhas taxas máis razoables e a sostibilidade do servizo.

Neste senso, o concelleiro popular cre que é posible, porque as cifras facilitadas polo goberno de Digna Rivas sobre un déficit de 1,6 millóns de euros anuais derivado dun custe total de 2,5 millóns polo servizo “non son de fiar, posto que ela achacou falsamente a suba ao novo canon de Sogama xerado polo imposto estatal á incineración e o Concello de Redondela apenas tiña que pagar 300.000 euros a maiores por este concepto, así que non cadran, coma sempre, os números da alcaldesa”.

O edil do PP explicou que moitos veciños, comerciantes, hostaleiros ou autónomos estanse a dirixir á súa formación nestes días para expresarlles o seu malestar polos efectos desta taxa que se está a pasar ao cobro nestas semanas e para pedirlles que sigan con accións orientadas á súa revogación. Así, Bas indicou que moitas familias estanse a ver afectadas polo pago das tarifas de 100 euros nun contexto de inflación moi elevada, pero sobre todo estase causando un grandísimo prexuízo aos negocios, xa que cómpre lembrar que a práctica totalidade de comercios e locais de hostalería pagan entre 216 e 2.601 euros, segundo as súas características e superficie, tras un incremento medio, no seu caso, que supera o 300%.

“Estamos ante un incremento que, ademais de moi importante, é totalmente arbitrario no caso das actividades económicas, que son as máis afectadas, posto que se grava enormente a establecementos que apenas xeran lixo incumprindo o principio legal de ‘quen contamina, paga’. Pero en todo caso, esta suba da taxa dana ás economías domésticas e machaca literalmente aos negocios cunha nula sensibilidade co tecido comercial e hostaleiro nunha medida que só podemos calificar de anti-Redondela”, concluíu o voceiro.