O PP de Redondela rexeita a prórroga do contrato do SAF polo escurantismo do expediente tras as graves deficiencias destes anos cunha mala atención aos usuarios

Redondela, 30 de abril de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de anunciar o seu rexeitamento á prórroga por espazo dun ano do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) a prol da actual empresa adxudicataria, que se debaterá no pleno ordinario desta noite, xa que impídeselle o acceso ao expediente completo por cuestións de escurantismo que lle impiden valorar esta ampliación do servizo e tamén polos antecedentes nesta prestación, con graves deficiencias ao longo dos últimos anos que provocaron unha mala atención aos usuarios.

“Só se nos dá acceso á parte administrativa do contrato malia que levamos dous anos pedindo o expediente, que si se nos facilitaba coa anterior concesionaria. E ademais os problemas e as queixas foron tantos que débese facer un seguimento do servizo, polo que, nestas circunstancias, non podemos valorar positivamente a prórroga e non imos votar a favor da extensión. Precisamos fiscalizar esta prestación polas numerosas eivas que presentou esta atención e que non foi a acaída para os redondeláns”, manifestou a concelleira Sandra Bastos.

Neste senso, e máis alá do agochamento dos informes sobre o funcionamento do servizo, a edil lembrou que nos últimos anos detectáronse situacións próximas ao maltrato dos usuarios, non se despregou a atención debida durante moitas horas, houbo carencias na subministración de comida, limpeza ou medicación, abandonouse ás traballadoras -chegando a perder a coidadoras que levaban décadas no servizo- e incurriuse nunha desprotección das mesmas.

Ante esta situación, Sandra Bastos advertíu de que o PP “non vai esquecer a deriva do SAF” nestes últimos anos, polo que négase a “dar un cheque en branco” por espazo dun exercicio máis sen dispoñer alomenos da documentación sobre o funcionamento desta prestación.

En todo caso, a concelleira popular cre que esta deriva “nun servizo básico, fundamental e sensible” ten como único responsable ao goberno de Digna Rivas, “que demostra ano tras ano que o SAF non é unha prioridade malia que está orientado á poboación máis vulnerable”. Así, revelou que o executivo socialista ten máis de 1.000 horas sen adxudicar e sen estar a disposición de xente que precisa destes coidados, case 300 persoas en lista de agarda durante anos -incluíndo entre as mesmas a persoas grandes dependentes con grao 2 e 3- e segue persistindo no agochamento do funcionamento interno do servizo.