O PP de Redondela reitera a urxencia dun plan de mantemento de edificios municipais ante o deterioro, as pingueiras e as filtracións na maioría destas instalacións

Redondela, 12 de febreiro de 2026

O grupo municipal do PP de Redondela vén de reiterar a necesidade urxente de deseñar e executar un plan de mantemento e conservación dos edificios municipais ante o deterioro, as pingueiras e as filtracións, coa entrada de importantes cantidades de auga ao longo deste inverno, na maioría destas instalacións que pertencen ao Concello.

“Practicamente todos os inmobles públicos de Redondela presenta na actualidade un estado lamentable, con numerosas deficiencias e desperfectos e, sobre todo, con charcos e pequenas inundacións polas eivas que presentan as súas cubertas e estruturas tras anos de absoluto abandono. Deste xeito, estes edificios non cumpren axeitadamente as condicións que deben ter para prestar os servizos públicos coa calidade que merecen os redondeláns polo abandono e a deixación de funcións do executivo de Digna Rivas”, explicou o voceiro municipal, Javier Bas.

Neste senso, os populares revelaron que a degradación, as pingueiras e a presenza de graves problemas da tipoloxía máis diversa afectan ao conservatorio, os Multiusos de Redondela e Chapela, as dúas piscinas municipais públicas, os pavillóns de Chapela e Cabeiro, as instalacións dos campos de fútbol de Santa Mariña e A Gándara, as pistas de pádel ou a Casa da Cultura, por só citar aos máis afectados, pero estas eivas esténdense a practicamente a totalidade dos bens municipais “e máis que irán aparecendo”.

O concelleiro do PP responsabilizou exclusivamente desta situación ao goberno de Digna Rivas, posto que leva anos sen investir en materia de conservación malia que “estaba advertida de sobra polo noso partido” e incluso incumpre un acordo plenario do pasado mes de abril no que se aprobou unha moción do PP demandando unha auditoría técnica do estado de todos estes inmobles e a reservar dunha partida económica específica para a realización de obras que evitasen o seu deterioro. “Xa nos temíamos que non ían facer nada de nada, porque a nosa proposta aprobouse malia o voto en contra do PSOE e AER, pero está claro que non poden dicir que lles pillou de sorpresa. E daqueles polvos, veñen estes lodos”, apostillou o edil popular.

Finalmente, Javier Bas advertíu que a degradación dos inmobles e servizos do Concello, acrecentada pola crueza dos temporais deste inverno, xa que sacaron á luz todas as súas deficiencias, é motivo de queixa e preocupación de milleiros de veciños que empregan diariamente estas instalacións, polo que reiterou a necesidade urxente de que o bipartito execute a proposta do PP e realice, tras seis anos e medio, a preceptiva labor de mantemento dos edificios municipais. “As pouquísimas veces que este goberno acerta e cando rectifica e nos fai caso”, concluíu o voceiro.