O PP de Redondela reclama medidas de apoio aos 1.900 autónomos do municipio fronte ás políticas estatais do PSOE “que lles friten a impostos e non melloran a súa protección”
Redondela, 25 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela vai reclamar no próximo pleno a adopción de medidas de apoio a prol dos 1.906 autónomos do concello e o rexeitamento ás políticas estatais do PSOE desde o Goberno de España contra este colectivo, “ao que friten a impostos mentres non materializa os seus propios compromisos para mellorar a súa protección”.
Os populares piden á corporación que leve ao Executivo central a voz do pobo de Redondela contra a política fiscal que castiga aos traballadores adscritos ao Réxime Especial dos Traballadores Autónomos (RETA) nos últimos sete anos e denuncian que España está a incumprir unha sentenza europea que obriga a eximir do IVE aos autónomos que facturen menos de 85.000 euros anuais, deixando a estes profesionais en clara desvantaxe respecto aos de Portugal e outros países da UE. Ao mesmo tempo, critican o constante aumento das cotizacións por IRPF e a falta de medidas reais de protección social e económica para este colectivo.
A concelleira popular Ana Alonso lembrou que os autónomos redondeláns, que xa se sitúan pos debaixo do listón dos 2.000 polos peches dos últimos anos derivados desta “asfixia fiscal”, son basicamente comerciantes, hostaleiros, técnicos, emprendedores e profesionais liberais “que sosteñen dun xeito fundamental o noso tecido económico e social e que, ademais, son os que lle dan vida ás nosas rúas cos seus negocios e establecementos”.
Por iso, lamentou que o Goberno de España leve máis de sete anos prexudicándoos directamente “cunha presión fiscal desproporcionada” a través dos aumentos das cotizacións e das cotas e mantendo o pago do IVE incluso aos de menor volume de negocio. Neste senso, os populares redondeláns aclararon, ante a suposta intención do Goberno central de aplicar finalmente a exención do IVE aos que facturen menos de 85.000 euros tras un acordo con Junts, que esta situación “supón unha nova utilización destes profesionais como moeda de cambio” e anunciaron que permanecerán vixilantes “para que non sexa unha nova promesa incumprida de Pedro Sánchez”.
“Non ten ningún sentido que o Goberno de España lles estea a aumentar un ano tras outro as cargas impositivas, cando o camiño correcto sería o inverso para xerar riqueza e emprego en vez de provocar peches de actividade, e que a maiores non asuma nin aplique as súas xustas demandas en materia de protección social, prestacións, cobertura por desemprego, réxime de xubilación, conciliación ou redución da burocracia”, explicou Ana Alonso, que engadíu que o Concello de Redondela debe posicionarse de xeito contundente contra esta situación “para protexer o modo de vida” dos máis de 1.900 autónomos do noso municipio.