O PP de Redondela propón a adhesión do Concello á Rede de Cidades Amigas das Persoas Maiores para favorecer as políticas orientadas a máis de 8.000 veciños

Redondela, 28 de abril de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de formular unha proposta, que se debaterá como moción no próximo pleno, para que o Concello se adhirá á Rede de Cidades Amigas das Persoas Maiores -unha iniciativa de rango internacional da Organización Mundial da Saúde (OMS)- para favorecer o desenvolvemento de políticas específicas e axeitadas para os máis de 8.000 veciños maiores de 65 anos.

O voceiro municipal, Javier Bas, explicou que Redondela sufre un crecente envellecemento, con xa preto do 30% dos cidadáns na franxa da terceira idade, e ademais tamén se ve afectada pola dispersión dos maiores, posto que moitos deles residen nas parroquias e non contan con moitos dos servizos existentes nos núcleos urbanos. Polo tanto, considera que deben recibir “unha atención especial” e que este sector da poboación “debe estar no centro das políticas públicas”.

Ante esta situación, o PP redondelán cre imprescincible avanzar cara un modelo municipal que promova un envellecemento activo, saudable, participativo e digno no que non só se dean resposta ás situacións de dependencia, senón que tamén dispoña de actuacións de prevención, favorecemento da autonomía persoal e de participación social e permanencia destas persoas na súa contorna habitual durante o maiore tempo posible.

Para os populares, esta Rede de Cidades Amigas das Persoas Maiores encaixa perfectamente nas necesidades de Redondela, posto que ofrece un marco de traballo integral para adaptar o concello ás necesidades reais da poboación maior en cuestión como a accesibilidade dos espazos públicos e das vivendas, a mobilidade e o transporte, a participación social, cultural e comunitaria, a inclusión, o respecto e a loita contra o illamento, o acceso aos servizos sanitarios e sociais e a participación cidadá e a toma de decisións.

“Non estamos exclusivamente ante un recoñecemento institucional ao abeiro desta rede da OMS, senón ante unha oportunidade para realizar un diagnóstico da realidade de Redondela que permitirá planificar actuacións necesarias e mellorar os recursos existentes para os nosos maiores”, manifestou Bas, que destacou a importancia da detección temperá de necesidades, o acompañamento persoal ou a prevención de situacións de soidade non desexada.

Finalmente, o PP local tamén solicita, na súa proposta, que se informe aos grupos municipais, con periodicidade bimestral e a través da comisión de servizos sociais, sobre os avances e resultados deste proceso para achegar propostas e contribuir de maneira construtiva a mellorar as políticas para a terceira idade.