O PP de Redondela pide un aumento da axuda aos Centros Culturais para compensar a “suba desproporcionada” da taxa do lixo e un cambio da ordenanza cun réxime para as asociacións

Redondela, 29 de xaneiro de 2026.

O grupo municipal do PP de Redondela vai pedir ante o pleno da corporación, na sesión ordinaria do mes de xaneiro fixada para este serán, a aprobación dun aumento a 3.500 euros anuais por asociación no importe da subvención de gastos correntes destinada aos Centros Culturais das parroquias para compensar a “suba desproporcionada” da taxa de recollida de lixo que se lles aplica desde o pasado exercicio. O obxectivo desta proposta céntrase en evitar unha carga económica excesiva ás asociacións que os xestionan que supoña un freo á súa actividade.

Os populares veñen de presentar unha moción con esta proposta, que levan a pleno en representación das entidades veciñais, culturais e sociais que a rexistraron no Concello, para que se adopten de inmediato medidas corretoras contra a suba desta taxa, que medrou nun 250% desde o pasado ano ata situarse en 327,97 euros por exercicio no caso da súa tarifa.

Ademais desta petición, a iniciativa plenaria tamén inclúe outros dous acordos, que consisten na tramitación dunha modificación da ordenanza reguladora da taxa de residuos para incluír un réxime específico para os Centros Culturais e o seu debate en pleno no primeiro semestre deste ano e o traslado destes acordos ás entidades afectadas, que son as de Santo Estevo de Negros, Cedeira, Cabeiro, Vilar de Infesta e Círculo de Chapela, e que tamén contan co apoio dos demais colectivos deste ámbito no municipio.

“Estamos ante unhas asociacións que fan un traballo enorme e digno de eloxio, que xogan un papel fundamental no dinamismo sociocultural de Redondela, en moitas ocasións suplindo as moitas carencias do Concello nesta materia e que non desenvolven ningunha actividade económica, polo que meterlles esta suba brutal no lixo é, directamente, un atraco a man armada por parte de Digna Rivas”, sostén o voceiro municipal, Javier Bas.

O PP redondelán cre que estas solicitudes das asociacións que dirixen os Centros Culturais “son de xustiza e supoñen un merecido apoio ao tecido cultural e social” do noso concello, ao tempo que considera que nin a suba da taxa nin o importe da mesma, por riba dos 300 euros, “se axusta á realidade das súas actividades, xa que supon castigalas por ter, en ocasións, uns servizos complementarios das súas funcións sociais e comunitarias”.

Finalmente, Javier Bas rexeitou a argumentación do Concello de que o prexuízo é mínimo para as asociacións, falseando ademais as cifras da taxa e rebaixando á metade ás que pagan en realidade, e reclamou “sensibilidade” cos Centros Culturais de Redondela. Neste senso, tamén responsabilizou desta situación ao grupo municipal do BNG –dado que o goberno bipartito está en clara minoría–, xa que lembrou que votaron a favor da nova e abusiva ordenanza a cambio dun acordo en materia de recollida do lixo, “que non se cumpre, nunha mostra máis do vacile que Rivas lle fai aos nacionalistas mentres estes agochan a cabeza na súa actitude de sumisión e covardía política”.