O PP de Redondela leva a pleno unha petición de convocatoria dos catro grupos municipais para consensuar a folla de ruta e un pacto institucional para a construción do auditorio
Redondela, 28 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Redondela vai levar ao próximo pleno ordinario, fixado para este serán, unha petición á alcaldesa, Digna Rivas, de convocatoria dos catro partidos con representación na corporación para que se consensue uha folla de ruta e un pacto institucional para a construción dun novo auditorio ante as carencias e a falta de espazo e de aforo do actual recinto da Xunqueira.
Os populares, que a semana pasada lanzaron esta proposta tras a inauguración do auditorio de Marín que deixaba a Redondela como o concello de máis de 20.000 habitantes coa peor infraestrutura sociocultural da provincia, cren necesario que o goberno local debe impulsar coa maior urxencia un acordo transversal dos catro grupos municipais para definir un proxecto sociocultural estratéxico que atenda axeitadamente as necesidades dos redondeláns.
Neste senso, o voceiro municipal, Javier Bas, advertíu das importantes carencias neste tipo de equipamentos e criticou que o Concello “teña perdido moito tempo nesta materia con sete anos de goberno socialista sen avances” malia que Redondela é na actualidade o único gran municipio da provincia sen un auditorio moderno, cunha capacidade que non responde ás necesidades do municipio -de apenas 278 butacas-, en situación de precariedade e cuns espazos insuficientes para acoller actividades culturais, educativas, sociais e institucionais de entidade.
“Esta situación enquistada limita totalmente a programación que debe acoller Redondela como cuarto concello da provincia e o imprescindible apoio ao tecido asociativo, así como a celebración de grandes eventos, como é o caso do Festival Internacional de Títeres, polo que urxe superar a paralización na que está sumido o goberno socialista mentres os demais concellos constrúen ou amplían os seus recintos e impulsar un pacto de todos polo auditorio que Redondela merece e necesita”, aseverou o concelleiro do PP, que engadíu que, dada esta perentoria necesidade, van dar de prazo ata o 15 de xuño para que a alcaldesa convoque aos grupos municipais.
“Se Digna Rivas non dá o paso antes desa data malia que lle estamos a tender a man de xeito totalmente construtivo, desde o PP seguiremos emprendendo accións políticas, administrativas ou de calquera outra índole para que Redondela teña un auditorio en condicións porque nós cremos decididamente nesta infraestrutura para mellorar a vida dos veciños”, concluíu.