O PP de Redondela lamenta que o comercio e a sociedade teñan que artellar medidas propias fronte á grave falta de aparcamentos pola inacción do goberno de Digna Rivas
Redondela, 11 de decembro de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar que o comercio local, os empresarios e a sociedade civil sexan os que lideren o artellamento de medidas propias para paliar a grave falta de aparcamentos, principalmente nos núcleos urbanos de Redondela e Chapela, ante a absoluta inacción do goberno de Digna Rivas durante os últimos seis anos.
Os populares explicaron que ambas vilas están a medrar a súa actividade e a funcionar cada vez máis como un polo de atracción grazas á calidade do comercio, os negocios e a hostalería, pero malia iso o executivo bipartito non lle está a dar solucións a esta cuestión en materia de estacionamento. Neste senso, indicaron que, no caso de Redondela, dispón de dous parquins públicos en superficie e un subterráneo de xestión privada, “pero se trata dunha oferta moi inferior á de moitas vilas de tamaño medio da nosa provincia e ademais tamén é moi cativa en comparación coa demanda de prazas”.
Ademais, o PP redondelán indicou que a destrucción de prazas dos últimos anos pola errática e contestada política de humanizacións do goberno socialista xerou un dobre problema que causa malestar e prexuízos aos negocios, xa que provoca importantes atascos e problemas de tráfico e limita o espazo de estacionamento ao non compensarse coa creación de novas prazas. “Hai que actuar e hai que actuar xa, porque circular por Redondela é moi difícil e aparcar practicamente imposible, polo que deben crearse novos aparcamentos para evitar fugas de clientes a Vigo ou que a xente quede na casa e recurra ao comercio on line”, manifestou o voceiro municipal, Javier Bas.
En todo caso, o edil do PP aplaudíu e valorou moi positivamente o dinamismo da asociación de empresarios “por tomar as rendas e poñerse ao fronte do problema, o que demostra a potencia do noso tecido económico”, ao impulsar vales gratuítos de estacionamento para os seus clientes, pero cre que ditas accións tiñan que estar organizadas polo executivo “para non telos sumidos nun total abandono como nestes seis anos”.
Javier Bas, que revelou que ata se están a converter baixos comerciais en garaxes para afrontar este problema, amosou o seu apoio ás demandas dos empresarios, posto que considera que se debe refacer o mapa de tráfico “para sacar a Redondela do atasco permanente e dun caos insostible” e tamén habilitar espazos e aparcadoiros disuasorios céntricos e gratuítos para que haxa prazas suficientes.
“Parece que a alcaldesa aínda non se enterou de que Redondela é o cuarto concello da provincia, que ten case 29.000 habitantes e que atrae a moita xente, polo que é preciso un plan ambicioso de aparcamento para atender a todos os veciños e visitantes e, deste xeito, fortalecer aos noso negocios, que teñen que loitar contra a globalización, a forte competencia, as vendas por Internet e as políticas de Digna Rivas”, concluíu o voceiro popular.