O PP de Redondela lamenta o estado de absoluto abandono do Cemiterio dos Eidos por parte do goberno local tras ser elixido o máis bonito de España
Redondela, 21 de agosto de 2026
O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar o estado de absoluto abandono do Cemiterio dos Eidos por parte do goberno de Digna Rivas e criticou que un espazo tan emblemático e recoñecido a nivel nacional no ano 2022 como o camposanto máis bonito de España estea sumido nesta situación de deterioro en só catro anos.
Os populares lembraron que dito cemiterio pasou a ser, coa citada distinción, como un atractivo máis de Redondela e ademais forma parte do patrimonio municipal, posto que ten case 170 anos de historia, polo que arremeten contra a deixadez e falta de atención por parte do executivo local.
Así, o deterioro e a degradación deste espazo agravouse nestes catro anos pola falta de mantemento e acondicionamento desde o Concello, o que provocou que na actualidade estea completamente deslucido pola presenza de maleza de grandes dimensións, ferruxe en todas as pezas metálicas, bordos e canalizacións, un aspecto descoidado en todo o ámbito, suciedade e pezas rotas.
“É unha mágoa que tendo un espazo para presumir e poñer en valor, que forma parte importante da historia de Redondela e do noso acervo cultural e arquitectónico, que é un orgullo do noso municipio e que está catalogado como ‘cemiterio histórico’ pola Deputación de Pontevedra estea esmorecendo por completo pola inacción e falta de xestión de Digna Rivas”, advertíu a secretaria xeral do PP, Susana Cabaleiro.
Ante esta situación, os populares redondeláns reclámanlle ao executivo municipal que actúe de inmediato neste camposanto para devolverlle o seu esplendor e proceda de xeito urxente á súa limpeza, acondicionamento, roza e á execución de todas as tarefas necesarias para a súa posta en valor.