O PP de Redondela lamenta o descoñecemento do BNG sobre o mantemento do semáforo da EP-2901 no Viso, xa que correspóndelle ao Concello desde 2018, e esixe a súa reparación

Redondela, 22 de xaneiro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela lamentou hoxe o descoñecemento do BNG sobre as tarefas de mantemento do semáforo do Viso, emprazado na estrada provincial EP-2901 Cesantes-Alxán, tras esixirlle ao Concello que se dirixa á Deputación de Pontevedra para a súa reparación tras tres meses sen funcionamento.

Os populares explicaron que o mantemento sobre este grupo semafórico correspóndelle ao Concello de Redondela desde hai sete anos, xa que o mesmo foi transferido polo anterior goberno provincial PSOE-BNG, polo que, ademais de enmendar aos nacionalistas, solicitaron ao bipartito municipal que acometa o seu inmediato arranxo.

“A ignorancia é moi atrevida e niso os concelleiros do Bloque de Redondela son uns auténticos campións, comportándose co mesmo perigo desinformativo cun mono cunha pistola, porque deberían saber que o seu compañeiro nacionalista, o entón deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asinou un oficio renunciando a esta labor e trasladándolla ao Concello no ano 2018. Poñen este asunto como suposto exemplo de falta de seguridade nas estradas provinciais en Redondela cando a realidade é que a responsabilidade e culpa desta situación é do goberno de Digna Rivas que o propio BNG colocou malia perder as eleccións para desgraza de todos os veciños do noso concello”, advertíu o voceiro popular, Javier Bas.

O edil do PP explicou que o anterior goberno provincial “deixou tirados” aos veciños do Viso ao renunciar ao mantemento deste semáforo alegando que o coidado destas medidas reguladoras do tráfico son un servizo urbano. “Por aquel entón a entente PSOE-BNG quixo desentenderse destas tarefas e castigar aos redondeláns porque o goberno municipal estaba en mans do PP, polo que lamentamos que agora o Bloque faga o ridículo pedíndolle á Deputación o que eles mesmos lle furtaron a Redondela”, lamentou Bas.

Finalmente, o voceiro do PP lamentou a falta de funcionamento deste semáforo, emprazado no punto quilométrico 1+230 da EP-2901, desde hai tres meses, xa que considera que se trata dun “novo e triste episodio” de abandono absoluto das parroquias por parte do goberno local de Digna Rivas. Por elo, solicita o seu arranxo inmediato para soster axeitadamente a seguridade viaria nesta contorna.