O PP de Redondela lamenta o “chorreo insoportable” de perdas de investimentos polo goberno de Digna Rivas tras deixar pasar outros 340.000 euros co 2º Plan Extra

Redondela, 14 de novembro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar o “chorreo insoportable” de perdas de investimentos por parte do goberno de Digna Rivas tras ter acceso ao expediente do proxecto presentado ao 2º Plan Extra da Deputación de Pontevedra, xa que o Concello opta a unha achega máxima de 761.000 euros cando a oferta de axuda directa do goberno provincial se elevaba ata os 1,1 millóns de euros, polo que veñen de deixar pasar outros 340.000 euros.

“Estamos ante unha situación moi grave derivada dunha xestión totalmente ineficaz, porque podería entenderse que nalgún caso se perderan fondos por circunstancias singulares e concretas, pero o que pasa no Concello de Redondela é único na provincia porque se perde diñeiro, e polo tanto investimentos, infraestruturas e servizos, en absolutamente todas as convocatorias. Estamos ante un exemplo de incapacidade absoluta que se debería estudar como o que non hai que facer á hora de gobernar unha administración pública”, criticou o vicevoceiro municipal, Iván Crespo.

Así, tras indicar que o proxecto que concorre a esta segunda edición do Plan Extra, consistente na reurbanización do camiño de Cidadelle, en Chapela, ten un orzamento de 1.088.000 euros dos que a Deputación achegará un máximo de 761.000, o PP redondelán explicou que Redondela podía desenvolver actuacións por 1.571.000 euros ao abeiro deste programa de investimentos e recibiría os citados 1,1 millóns de euros, “pero coma sempre o goberno local adoece de ambición e de capacidade para espremer as axudas ao máximo en prexuízo dos veciños e dos intereses xerais do Concello”.

Pero ademais, o propio concelleiro explicou que “chove sobre mollado no marco da sangría constante de oportunidades perdidas”, xa que lembrou que na anterior edición do Plan Extra perdéronse outros 410.000 euros coa obra de mellora da Praza da Petanca -que está pendente de iniciarse- e cifrou en 9 millóns de euros todas as axudas e fondos que o goberno de Digna Rivas deixou pasar nos algo máis de seis anos ao fronte do Concello.

“O peor de todo non son os fondos millonarios perdidos, que é algo gravísimo, o peor de todo é que vai medrando exponencialmente a súa incapacidade porque cada día deixan escapar máis e máis cartos, xa que cómpre lembrar que, só no último ano, quedamos sen 2,4 millóns de euros entre os plans provinciais extraordinarios e os fondos europeos do EDIL”, revelou Iván Crespo, que outorgou a Digna Rivas “o merecido e triste título de campioa provincial de cartos perdidos”.

Finalmente, o edil lamentou que estas perdas millonarias teñan unha repercusión negativa directa na veciñanza, xa que con todos eses cartos poderían estar construídos ou en marcha moitas infraestruturas necesarias, como un novo pavillón e a escola infantil en Chapela, o auditorio, as instalacións de atletismo, o paseo de Cesantes ou a reforma integral da Praza de Abastos de Redondela, entre outras.