O PP de Redondela lamenta a “nefasta xestión” dos fondos europeos do goberno de Digna Rivas tras perder 2,8 millóns de euros nas dúas últimas convocatorias

Redondela, 6 de outubro de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de lamentar a “nefasta xestión” dos fondos europeos por parte do goberno local de Digna Rivas tras a resolución do Plan de Estratexias de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL) coa concesión de 4,9 millóns ao Concello, xa que denunciaron que o executivo socialista xa perdeu 2,8 millóns de euros nas dúas últimas convocatorias. Ademais, non desbotan que a contía desperdiciada sexa superior xa que dubidan da súa capacidade para executar o 100% da achega, tal e como sucedeu na edición precedente.

Os populares amosaron o seu apoio a que o Concello concorra a esta orde de subvencións e tamén valoraron positivamente que reciba a citada axuda para actuacións que son imprescindibles para Redondela, pero calificaron de “inadmisible” a pouca ambición e a pouca altura de miras do executivo socialista na presentación de proxectos, xa que revelaron que outros termos da provincia, como Marín, O Porriño, Ponteareas ou Lalín espremeron ao máximo a convocatoria e obtiveron a contía máxima, cifrada en algo máis de 6,5 millóns de euros. En definitiva, o Concello de Redondela deixou pasar a oportunidade de recibir 1.574.000 euros ao abeiro do actual plan europeo.

“Non entendemos as poucas pretensións do goberno de Digna Rivas como se o diñeiro nos sobrase ou se non fixeran falta máis cartos, porque queremos lembrar que seguimos a ser o único concello de máis de 20.000 habitantes da provincia sen auditorio e a necesidade dun pavillón en Chapela é urxente, por só citar dous exemplos clamorosos”, manifestou o voceiro, Javier Bas, que cre que esta situación demostra “que temos un executivo máis incapaz que os dos demais concellos, porque obtén menos cartos que eles e dos que podería conseguir e deixa que, coma sempre, nos adianten por todos lados mentres os redondeláns levan anos agardando por investimentos e proxectos importantes”.

Pero é que ademais, o PP local apuntou que esta deficiente xestión dos fondos europeos Feder por parte dos socialistas xa se producíu na anterior convocatoria, á que Redondela concorreu cun proxecto elaborado polo goberno de Javier Bas e obtivo a máxima contía, de case 5 millóns de euros. Sen embargo, a execución das distintas iniciativas correspondeulle a Digna Rivas tras o cambio no Concello e só se realizou o 76% do proxectado, polo que se perderon outros 1,2 millóns de euros.

“O Concello non está a aproveitar axeitadamente as convocatorias de axudas que se lle presentan e deixa pasar millóns de euros pola porta que si benefician a outros municipios da nosa contorna que contan con alcaldes máis dilixentes e que si traballan e se preocupan por conseguir ata o último euro para os seus veciños. Con eses case 3 millóns perdidos poderíamos afrontar moitas actuacións necesarias e, mentres tanto, Digna Rivas quéixase de que non ten cartos, pero cando llos ofrecen non fai por collelos”, concluíu Javier Bas.