O PP de Redondela insiste na necesidade de esixir unha Comisaría de Distrito e de reforzar a Policía Local ante o importante incremento dos delictos e da inseguridade cidadá

Redondela, 21 de xaneiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de insistir na necesidade de que o Concello esixa ao Ministerio do Interior a dotación completa dunha Comisaría de Distrito da Policía Nacional, que é o que lle corresponde á vila, e que reforce o corpo da Policía Local, que é da súa exclusiva competencia, ante o importante incremento dos delictos e da inseguridade cidadá.

Os populares destacaron que os recentes casos de roubos reiterados de gasóleo a moitos camións estacionados nas avenidas de Chapela, e que veñen de ser denunciados polos transportistas afectados, son tristemente uns novos episodios do forte aumento da criminalidade no concello, especialmente no que atinxe aos delictos que máis preocupan aos veciños, como son os roubos con violencia.

A formación liderada por Javier Bas, que quere amosar o seu apoio e solidarizarse cos camioneiros que están a padecer esta vaga de sustraccións de combustible, engadíu que a isto súmase que os roubos con forza en vivendas aumentaron un 150% ao longo do pasado ano 2025 e que as sustraccións de vehículos fixérono nun 266%. Neste último caso, cómpren salientar que a contorna do parquin do Convento está a ser un foco especialmente intenso nos roubos nos coches, o que está a motivar a preocupación e as queixas dos residentes nesta zona.

Por iso, o PP anunciou que vai seguir insistindo “as veces que faga falta” na necesidade de reforzar a presenza da Policía Nacional cunha Comisaría de Distrito, “xa con esta instalación e cos medios humanos precisos estamos convencidos de que Redondela pode recuperar a tranquilidade que se está a perder nos últimos tempos”. Neste senso, os populares, que cren que esta medida debe complementarse así mesmo co reforzo da Policía Local, consideran que o desmantelamento da comisaría nos últimos tempos, cuns servizos mínimos e insuficiente, débese exclusivamente ao abandono ao que o Goberno de España somete a Redondela e á febleza política de Digna Rivas e do seu executivo.

Finalmente, o voceiro, Javier Bas, lamentou a actitude pasota da alcaldesa e dos grupos políticos que sustentan ao goberno nesta materia tendo en conta que a seguridade cidadá é un dos valores máis aprezados pola veciñanza para poder vivir en tranquilidade: “Non se entende que Digna Rivas e as forzas de esquerdas votaran en contra da nosa proposta sobre a comisaría no último pleno -cando en 2019 saíu aprobada por unanimidade sendo alcalde Javier Bas- e que tampouco xestionen esta mellora policial, xusta e necesaria, cando a seguridade cidadá en Redondela estase deteriorando a pasos axigantados e a xente está cada día máis preocupada”.