O PP de Redondela impulsa un pleno extraordinario para a defensa patrimonial do Miliario de Vilar-Santiaguiño e a súa inclusión no PXOM como ben compartido con Mos
Redondela, 21 de abril de 2025.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de impulsar un pleno extraordinario, que finalmente quedou fixado para o serán de hoxe, orientado principalmente á adopción de medidas de protección e defensa patrimonial do Miliario de Vilar-Santiaguiño e á súa inclusión no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como ben de titularidade compartida co Concello de Mos.
Deste xeito, os populares seguen coas súas medidas de respaldo aos veciños de Vilar de Infesta, que hai algunhas semanas amosaron o seu malestar polo desenvolvemento de xeito unilateral, por parte do municipio veciño, dun proxecto de iluminación deste fito romano, xa que lembraron que a documentación existente reflicte que trátase dun monumento de titularidade compartida entre ambos termos, posto que é o que marca os respectivos límites territoriais.
Así, a moción do PP de Redondela pretende instar ao goberno local a desenvolver de inmediato o proceso de deslinde co Concello de Mos e tamén a emprender o procedemento orientado a corrixir a cartografía do Instituto Geográfico Nacional (IGN) para que se respecten os límites territorios entre ambos municipios co obxectivo de deixar claro que o Miliario de Vilar-Santiaguiño é compartido.
Ademais, a proposta complétase coa demanda dos traballos técnicos necesarios para que este ben patrimonial quede recollido no Plan Xeral coa catalogación de elemento de protección co propósito de que o Concello de Redondela teña a máxima potestade sobre o mesmo no futuro e a solicitude á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que garanta que calquera intervención sobre o mesmo respecte o seu carácter compartido.
Mantemento de instalacións e Dependencia
Por outra banda, os populares aproveitaron a súa convocatoria desta sesión para incluir outras propostas “máis que urxentes para atender axeitadamente o benestar dos redondeláns”, como a solicitude de realización dunha auditoría técnica e o deseño dun plan de mantemento de instalacións municipais.
Neste senso, o PP reclama que se habiliten senllas partidas nos próximos orzamentos municipais para levar a cabo a análise do estado dos equipamentos do concello e para proceder á reparación e mellora das deficiencias detectadas atendendo ao seu grao de urxencia e necesidade.
Finalmente, a terceira moción popular neste pleno consiste en reclamar ao Goberno de España que asuma, tras anos de incumprimento, o 50% do custe do Sistema de Atención á Dependencia coa Xunta e cos concellos galegos, tal e como esixe a lei, e que abone a débeda histórica nesta materia, que ascende a 2.500 millóns coa comunidade autónoma, dos que 771 corresponden aos municipios da provincia de Pontevedra.