O PP de Redondela esixe ás forzas de esquerda que expliquen o seu plan para revogar o “goberno zombie” e poder rematar o mandato con certa estabilidade e atención aos veciños

Redondela, 8 de maio de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondel avén de esixirlle ás forzas de esquerdas, PSOE, BNG e AER, que expliquen e informen publicamente á cidadanía no prazo máis breve posible do seu plan e posibles acordos para revogar canto antes o “goberno zombie” dirixido por Digna Rivas –en palabras do voceiro independente, Roberto Villar, no pleno do luns– e poder rematar o mandato municipal que vence no ano 2027 con certa estabilidade e atención aos veciños.

Os populares, tras manter un encontro de traballo para analizar a situación que se abre tras a perda da confianza da maioría do pleno á xestión da alcaldesa, lembrou que o goberno non funciona, segundo as propias palabras dos seus integrantes e do seu socio de investidura nacionalista: “A alcaldesa, que hai que deixar claro que é o foco do problema pola súa absoluta incapacidade, só fala de que a situación está bloqueada pero loxicamente ela é a única responsable, o BNG acusa de incumprimentos a todo o mundo pero nega calquera acordo con ninguén e AER láiase da inestabilidade que padece o goberno como se non fora con el nin pertencera ao mesmo, pero cremos que, co novo escenario, algo terá que facer para acabar con esta desfeita porque son os únicos responsables desde que levantaron as súas 11 mans no pleno de investidura”.

O voceiro municipal do PP, Javier Bas, lamentou que os propios integrantes do executivo local admiten “que non son capaces de gobernar, de alcanzar ningún acordo e nin sequera de sacar adiante un asfaltado”, polo que apelou á súa responsabilidade para mudar esta situación de inmediato, “porque Redondela leva seis anos perdidos e os dous últimos totalmente paralizado e non pode seguir así dous anos máis ata as eleccións de 2027”. Neste senso, indicou que, dado que as forzas de esquerda teñen maioría na corporación, con 11 concelleiros, o normal sería que alcanzaran un pacto para garantir a gobernabilidade nos dous próximos exercicios ou, en caso contrario, deixar paso a outro executivo.

O concelleiro popular salientou que aos redondeláns non lles serve que pase este mes de prazo tras a perda de confianza da alcaldesa, que se aproben os Orzamentos Municipais 2025 e que as forzas de esquerda “sigan tirándose os trastos á cabeza nun espectáculo esperpéntico que o goberno de Redondela está a ofrecer a toda Galicia e que supón xestión cero e, como dixo AER, seguir deambulando como un goberno zombie”.

Por elo, Bas sostivo que os tres partidos teñen que dar explicacións inmediatas e responder ante a cidadanía, que foi a que os designou como os seus representantes públicos, posto que os veciños “teñen dereito” a saber cal é a folla de ruta para os dous próximos anos. “Non vale agocharse este mes e que logo todo siga nesta deriva de deterioro subindo impostos, adebedando facturas, perdendo axudas, enfrontándose aos veciños, creando problemas con obras innecesarias, non executando os investimentos que se precisan e insultándose entre eles nun espectáculo moi pouco edificante”, apostillou.

Finalmente, o PP agarda que os tres partidos lle dean unha “resposta eficiente e eficaz” aos redondeláns sobre o que pretenden facer sobre o futuro do Concello dado que os representantes municipais destas tres formacións xa desbotaron unha moción de censura para rematar coa etapa de Digna Rivas “malia que moitos deles admiten que a alcaldesa é o problema”. Paralelamente, os populares están a estudar diversas accións políticas para emprender nas próximas semanas co obxectivo de favorecer a gobernabilidade e a xestión, tal e como levan facendo durante todo o mandato.