O PP de Redondela esixe a dimisión ou cese do edil Roberto Villar polos seus graves insultos e acusacións aos representantes dos Consellos Parroquiais e dos colectivos veciñais

Redondela, 30 de xullo de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de esixir a dimisión inmediata do edil independente Roberto Villar, ou no seu defecto o seu cese inmediato como integrante do goberno bipartito de Digna Rivas, polos seus graves insultos, acusacións e descualificacións aos representantes dos Consellos Parroquiais e dos colectivos veciñais no transcurso do último pleno.

Os populares calificaron de “inadmisibles e intolerables” as manifestacións vertidas polo concelleiro de AER acusando aos representantes de moitas destas entidades de ter actitudes machistas, de ser uns plameiros, de realizar propostas ‘fumadas’ e inútiles, de actuar de xeito indecente e incluso de pedir moitos cartos para as súas parroquias ou actividades.

“Non se poden consentir estas falsas acusacións e estas faltas de respecto totalmente fóra de punto contra quen simplemente defende os intereses das súas parroquias, que ademais fano moi ben e de xeito altruísta e teñen moito traballo polo abandono ao que as somete o executivo de Digna Rivas, polo que cremos que Roberto Villar está totalmente desautorizado e deslexitimado para seguir como representante público e moito máis como membro do goberno local de Redondela”, lamentaron os concelleiros populares Iván Crespo e Vanesa González.

Os representantes do PP tamén criticaron a actitude da rexedora durante a sesión plenaria, posto que permitíu estas manifestacións gravísimas sen chamalo á orden nin saír en defensa dos consellos e das asociacións, polo que consideran que a propia Digna Rivas suscribe o seu contido agás que proceda a botalo de inmediato do goberno local.

Os populares, que revelaron que existe un gran malestar e unha forte repulsa entre estas asociacións polas palabras de Roberto Villar, consideran que o edil independente superou totalmente o mínimo respecto institucional e incluso perdeu o decoro e a consideración cuns colectivos “que non son adversarios políticos de ninguén e que traballan dun xeito xeneroso que serve para dinamizar o noso concello e que merece o aplauso de todos”.

Finalmente, o PP redondelán deixou claro o seu absoluto apoio a todos os Consellos Parroquiais e a todas as asociacións de veciños: “Un goberno que se preze ten que escoitar sempre, non descualificar e insultar a quen defende a este concello e á súa xente, polo que posicionámonos totalmente ao seu carón e imos esixir a marcha de quen non pode representar aos veciños”.