O PP de Redondela esixe a corrección urxente das graves deficiencias da obra en Salgueiral e Las Cardosas que inundan garaxes e inmobles privados tras recibir queixas dos veciños

Redondela, 7 de febreiro de 2026.-

O grupo municipal do PP de Redondela vén de esixir de novo a corrección urxente e a reparación das graves deficiencias xurdidas tras a obra de humanización das rúas Salgueiral, Las Cardosas e Ernestina Otero, xa que o resultado final da mesma está a provocar inundacións en garaxes e inmobles e importantes danos en vehículos dos residentes deste barrio, que xa trasladaron reiteradamente a situación ao Concello e remitiron as súas queixas á formación popular.

Ante estes feitos, o voceiro municipal, Javier Bas, que lembrou que xa trasladaron esta situación ao pleno, considera “inadmisible” que se investiran “tan mal” os 982.000 euros dunha actuación deseñada e executada polo goberno de Digna Rivas e na que a Deputación de Pontevedra só achegou o financiamento. “A obra, polo que puidemos comprobar e nos informaron tamén os veciños, é un auténtico desastre, xa que houbo problemas na execución, na falta de control por parte do Concello, no emprego de materiais de mala calidade e no deseño errado da mesma e todo iso pola mala planificación do bipartito”, manifestou o edil, que lembrou que a súa formación xa advertira destes problemas durante as obras.

Os populares comparten plenamente cos veciños que esta humanización, malia estar rematada hai só cinco meses, “parece que ten dez anos enriba”, xa que ocasiona moitos problemas no acceso aos garaxes, que se inundan constantemente e mais nesta época de fortes choivas, e que provoca danos nos vehículos en forma de avarías, pinchazos de rodas ou desequilibrios.

“Estamos ante un novo desastre e un novo fracaso da xestión de Digna Rivas, pero o peor de todo non é que obra quedara mal, que é algo que pode pasar aínda que neste caso se debe ao pasotismo do executivo socialista, senón que os veciños desconfían absolutamente de que o Concello vaia solucionar este problema, xa que se sinten totalmente abandonados”, apostillou Bas.

Finalmente, o concelleiro do PP considera que unha obra que “teoricamente estaba destinada a mellorar a calidade de vida dos veciños desta zona converteuse nun pesadelo” xerando o efecto contrario polos graves problemas de drenaxe e seguridade derivados dunha mala execución e dunha incorrecta selección dos materiais.