O PP de Redondela esixe a ampliación das melloras no Campo da Gándara e que se fagan con perspectiva de xénero incluíndo o necesario vestiario para equipos femininos
Redondela, 4 de marzo de 2026.-
O grupo municipal do PP de Redondela vén de esixir a ampliación das melloras contempladas no proxecto de reforma do Campo de Fútbol da Gándara, que vén de ser aprobado no derradeiro pleno grazas aos votos dos dez concelleiros populares que, co seu posicionamento a favor, permitiron que se destinen 469.000 euros a esta actuación. Sen embargo, a formación considera que as obras previstas son “necesarias, pero non suficientes”, posto que non contemplan unha solución definitiva ao correcto abastecemento de auga nesta instalación, e tamén esixe que se acometa con perspectiva de xénero incluíndo o necesario vestiario para equipos femininos.
A concelleira Vanesa González salientou que o PP actuou con absoluta responsabilidade, posto que a reforma integral do Campo da Gándara, emprazado na parroquia do Viso e no que xoga a SD Cesantes, é unha absoluta necesidade despois de que, hai menos de cinco anos, se destinasen 500.000 euros moi mal investidos pola falta de supervisión, control e dilixencia na execución por parte do goberno de Digna Rivas.
“Deixando atrás que se tirou con case medio millón de euros, queremos mirar para adiante en positivo e a ver se desta vez conseguen facer unha modernización do recinto e non unha desfeita, pero está claro que o proxecto que hai enriba da mesa é necesariamente mellorable”, manifestou a edil popular, que considera que non é de recibo que se vaian investir outros 469.000 euros e que o proxecto non contemple decantacións e outras solucións técnicas para o abastecemento de auga evitando a entrada de area e os problemas no rego, e tampouco se prevea a construción doutro vestiario para permitir que se muden rapidamente os xogadores dos equipos de distinto xénero cando hai partidos consecutivos, que é algo que se produce practicamente cada fin de semana, ou cando sucede esta mesma situación cos adestramentos. Paralelamente, tamén indicou que sería preciso unha remodelación e mellora dos vestiarios existentes ante o seu deterioro evidente.
Por iso, Vanesa González criticou que a alcaldesa, malia declararse feminista, non contemplase neste proxecto a perspectiva de xénero, “coa que se lle enche a boca, pero que nunca se traslada aos feitos”, e non incluíse no proxecto a construción doutro vestiario. En todo caso, cre que aínda está a tempo cunha pequena modificación do proxecto: “Ten unha gran oportunidade para demostrar que o seu discurso non está baleiro e para dar cumprimento á demanda do equipo feminino do Cesantes”, concluíu a concelleira do Viso